Skip to main content

Con estes galardóns quérese recoñecer o proceso produtivo das explotacións leiteiras de gando vacún da nosa comunidade na obtención dun leite cru da mellor calidade hixiénico-sanitaria.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan para este ano os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores galegos de leite cru de vaca, coñecidos como premios Exceleite.

Esta oitava edición dos galardóns ten como obxectivo recoñecer o proceso produtivo das explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia na obtención dun leite cru da mellor calidade hixiénico-sanitaria. Trátase de poñer en valor os gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen.

Estes premios Exceleite distinguen as granxas en tres categorías, en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, cada unha delas subdivídese en tres grupos, (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Recoñécense ademais especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.

Poderán optar a estes recoñecementos todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), de tal xeito que consten na base de datos deste centro os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia, isto é, desde agosto de 2023 ao mes de xullo de 2024.

Ademais, as explotacións deberán atoparse de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das explotacións que se seleccionen para a distinción na categoría de explotacións ecolóxicas, de modo complementario ao anterior, deberán atoparse inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Consulta a orde neste enlace