Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O PP defenderá unha moción na Deputación para un plan de impulso de solo industrial

Por 23 Abril, 2024Sin comentarios

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que dende o goberno provincial levan varios anos “sen ter o papel relevante que debería ter en canto ao impulso industrial e de xeración de emprego” xa que José Tomé, o PSOE e o BNG “non lle deron a importancia que merecen ás iniciativas que pretenden dotar de solo industrial ao territorio para favorecer o desenvolvemento industrial e económico e a calidade de vida dos veciños”.

Neste senso, dende o Grupo Provincial Popular defenderase unha moción no pleno deste mes para que a Deputación de Lugo leve a cabo un plan de impulso dos polígonos industriais da súa titularidade na provincia con campañas de captación de investimentos a través da busca activa de empresas e emprendedores para o seu asentamento nestas áreas, o estudo de posibles bonificacións do prezo ou outros incentivos para a venda e, todo, en colaboración con outras entidades locais.

Actuacións que deben de ir da man da construción dos polígonos industriais xa comprometidos nos diferentes concellos da provincia, como son os casos de Baralla, A Fonsagrada, Riotorto ou Triacastela, entre outros.

Ameijide explica que, ademais de abandonar aqueles compromisos adquiridos con numerosos concellos, dende o goberno de PSOE e BNG “non dan o impulso necesario” a aquelas zonas industriais xa rematadas como poden ser Castroverde, Ourol ou Paradela, onde é preciso impulsar “decididamente” a venda das parcelas “a prezos razoables” para favorecer o asentamento industrial.

Dende o Grupo Provincial Popular explica que, segundo os datos que puidemos obter, son máis de 100 parcelas nos polígonos industriais construídos pola extinta Suplusa en diferentes concellos da provincia. “Esta ampla dispoñibilidade de parcelas sen adxudicar evidencia a falta de interese do goberno provincial por incentivar a venda das mesmas que permita favorecer a posta en marcha de iniciativas empresariais contribuíndo ao desenvolvemento económico da provincia e, consecuentemente, ao desenvolvemento social e ao crecemento da poboación”, sinalaron.

“O interese por adquirir parcelas na maioría destas áreas industrias é baixo polo que o goberno provincial debería de poñer en marcha medidas para incentivar a venda das mesmas” afirmaron, ao que engadiron que, no caso de que o ente provincial non teña interese por realizar esta venda “podería ter a vontade de negociar cos Concellos unha posible cesión para que xestionen esas vendas con maior énfase e interese”.