Skip to main content
Chantada

O Goberno local de Chantada destina 60.000 euros para axudas á natalidade

O Concello de Chantada convoca axudas á natalidade para este 2024 que incluirán 60.000 euros para a concesión das axudas, que serán de 800 euros por neno nacido ou adoptado entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de decembro de 2024.

A finalidade destas axudas é contribuír a fixar poboación, deseñando mecanismos que favorezan o nacemento e crianza de nenas e nenos. “Chantada é un municipio privilexiado para criar a nenos e nenas por todos os servizos que ten, servizo de madrugadores nos dous colexios de infantil, escolas deportivas, piscina municipal… Agora engadimos estas subvencións que queren axudar cos gastos ás familias no momento do nacemento e favorecen o asentamento de poboación no noso municipio”, sinala Cándida Carnero, concelleira de Servizos Sociais e Benestar.

Serán beneficiarios das axudas os pais e nais empadroados no Concello de Chantada e que teñan ou adopten un fillo no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de decembro de 2024 e que cumpran os requisitos de que os pais, ou polo menos un de eles, deberán estar e situación regular en España estar empadroados no Concello de Chantada cunha antelación mínima de 1 ano á data de parto ou adopción e que os nenos nacidos ou adoptados deberán estar empadroados no Concello de Chantada.

Os solicitantes ou solicitante da axuda deberá comprometerse a seguir empadroado no Concello de Chantada por un período de catro anos dende o nacemento ou adopción.

O prazo de presentación de solicitudes será de 4 meses dende o nacemento ou adopción e as solicitudes presentaranse no rexistro xeral do Concello de Chantada, aportando a seguinte documentación: Libro de Familia e DNI ou NIE do solicitante, e tratándose de estranxeiros Documento que acredite a residencia legal en España; certificado de nacemento expedido polo Rexistro Civil ou copia do auto xudicial de adopción, no seu caso; certificación de titularidade do número de conta bancaria no que se recibirá a axuda; declaración xurada de axudas recibidas ou solicitadas para a mesma finalidade; compromiso de seguir empadroado no Concello de Chantada por un período mínimo de catro anos; compromiso de proceder á devolución da axuda no caso de deixar de cumprir algún dos requisitos necesarios para ser beneficiario e declaración xurada de estar o corrente coas obrigas tributarias da AEAT E ATRIGA e da Seguridade Social.

O procedemento de concesión de estas subvencións será o de convocatoria aberta en réxime de concorrencia competitiva. O prazo para a resolución do procedemento será de 3 meses dende a presentación da solicitude. A axuda contemplada nas presentes bases será compatible con calquera outra axuda para a mesma finalidade que poda obterse de outros organismos.