Skip to main content
Monforte

O Goberno local de Monforte pon en valor a XX Feira Medieval de Monforte

Co último espectáculo no que as acrobacias foron as protagonistas na Praza de San Antonio, que destacou pola súa espetacularidade e vistosidade, remataron os actos programados polo Concello para a celebración da XX edición da Feira Medieval de Monforte.

Unha edición que en verbas do alcalde, José Tomé Roca, “resultou todo un éxito, grazas a unha participación de público masiva e rotunda, e a pesares da climatoloxía adversa”.

Neste senso, as primeiras valoracións do rexedor serviron para agradecer “aos monfortinos e todas as persoas que nos visitaron, a súa participación, porque a pesar de que as condicións climatolóxicas non foron as mellores, si permitiu celebrar unha Feira Medieval espectacular, e que foi un éxito rotundo de participación de público”.

Tomé tamén destacou que a celebración “se levara a cabo sen ningún tipo de incidente reseñable, no que a xente disfrutou e contribuíu a facer que a nosa Feira Medieval sexa un referente, como nos din especialmente moitos dos participantes de fora de Galicia, na Semana Santa en Galicia, polo que temos que seguir nesa liña de traballo”.

O Alcalde tamén trasladou os comentarios que lle fixeron chegar, tanto por parte de hostaleiros da cidade como dos comerciantes, e dos postos que formaron parte da feira, destacando as boas impresións e a satisfacción xeralizada, na que as ventas foron xeralizadas, e superando as expectactivas iniciais previstas.

Na mesma liña, a pesar de que climatoloxía non acompañou, si permitiu que non se cancelara ningún tipo de acto, e puideron celebrarse con normalidade tanto a inauguración oficial co saúda do alcalde, as actividades de rúa, as Xustas e o gran Torneo Medieval, a saída de actividades novidosas como os grande elefantes, os espectáculos de noite, e a subida a San Vicente cos fachos e coa posterior solta dos 625 farolillos que encheron de luz o ceo de Monforte.

Coa celebración da edición de 2024, a Feira Medieval alcanzou a súa vixésima edición, polo que o Alcalde recordou que “dende o Concello xa podemos solicitar a Declaración de Feria de Interese Turístico Galego, que esperamos ter recoñecida pola Xunta para a 21ª edición de 2025”.

“Temos que seguir traballando na liña que vimos facendo para que cada vez máis ese elemento de atracción que é a Feira Medieval no centro de Galicia durante a Semana Santa o siga sendo, porque non hai un evento nin das características nin da importancia nin do número de persoas que participa nel como o de Monforte”.