Skip to main content
Monforte

O alcalde de Monforte comprometeuse a seguir mantendo a tradición de honrar á Virxe de Montserrat

Monforte acolleu os actos das honras á Virxe de Montserrat a través da comitiva institucional, encabezada polo alcalde, José Tomé Roca, e diversos membros da Corporación municipal, representantes institucionais, e dos distintos corpos e forzas de seguridade do Estado.

Así, partiu da Casa do Concello para asistir, ás 11.00 horas, á misa na honra da Virxe de Montserrat, na Igrexa de San Vicente. Esta igrexa volveu así a acoller os actos litúrxicos do Martes de Pascua, logo das importantes obras de restauración que se levaron nela a cabo dende o Goberno de España, a petición do rexedor monfortino.

A eucaristía foi presidida polo Vicario de Pastoral do Obispado de Lugo, D. Luis Manuel Rodríguez Pérez, e polo párroco monfortino D. Rafael Mella e contou coa presencia das Camareras da Virxen, así como dos membros da súa cofradía.

Tras a celebración eucarística, tivo lugar unha procesión coa imaxe da Virxe polo atrio da igrexa de San Vicente do Pino, dado que as condicións climatolóxicas non permitiron baixar ata o Campo da Virxe, tal e como marca a tradición.

Posteriormente, diante do pórtico principal da igrexa, o alcalde de Monforte renovou os votos coa Patroa da cidade, comprometéndose a manter tanto a celebración do Martes de Pascua como a do día 15 de agosto na honra da Virxe de Montserrat, e procedeuse á bendición dos campos.

“Dende que eu son alcalde, comprometinme a manter esta importante tradición dos monfortinos e monfortinas na honra á nosa Patroa, a Virxe de Montserrat, e deste xeito, hoxe Martes de Pascua, mantivemos esta centenaria tradición na que renovei os meus votos e comprometinme a seguir celebrando tanto este día como o 15 de agosto, no que honramos a nosa patroa”, manifestou.