Skip to main content
Monforte

O Club Korbis homenaxea ao alcalde de Monforte polo seu apoio ao voleibol

Por 7 Abril, 2024Abril 8th, 2024Sin comentarios

Tivo lugar durante o transcurso da festa de fin de tempada que o Club Korbis celebrou no novo Pavillón da Pinguela para recoñecer a excelente tempada dos seus equipos.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, foi homenaxeado na tarde de hoxe polo Club Korbis, que lle fixo entrega dun trofeo conmemorativo en agradecemento “pola súa implicación co deporte base da cidade de Monforte e polo seu apoio mostrado ó voleibol”.

O Executivo de José Tomé destina ó Club Korbis axudas por un total de máis de 16.000 euros, ademais de colaborar con trofeos e medallas nos distintos campionatos locais que organizan ó longo do ano

Ademais, o alcalde aposta decididamente pola promoción do deporte monfortino, xa que nos orzamentos deste ano 117.040 euros en axudas ordinarias para os clubs monfortinos, 10.000 en axudas para deportistas individuais, e 12.000 para a participación en campionatos de España, europeos ou mundiais.

A homenaxe ó rexedor monfortino tivo lugar durante a celebración da festa organizada polo Club Deportivo Korbis para homenaxear ós xogadores e xogadoras dos diferentes equipos de voleibol que o conforman. Esta tivo lugar na tarde de hoxe no pavillón polideportivo da Pinguela, e no acto o Alcalde estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e polo concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, así como directivos e adestradores deste club de voleibol.

Deste xeito, dende as 17 horas, o remodelado Pavillón polideportivo municipal da Pinguela, acolleu unha xuntanza á que acudiron, ademais dos deportistas e diferentes membros do club, pais, nais, familiares, simpatizantes e colaboradores, entre os que se atopa o Concello de Monforte.

No transcurso do acto, foron presentados ante familiares e amigos os distintos compoñentes de cada un dos equipos, masculinos e femininos, e por categorías coas que conta este club deportivo monfortino, que recibiron o recoñecemento que se merecen pola gran temporada regular que fixeron e polos éxitos acadados, e que remata esta fin de semana.
Tras este recoñecemento, disputáronse dous partidos co Club Voleibol Cambados, nas categorías alevín e cadete feminino.