Skip to main content
Monforte

O Goberno local de Monforte mellorará a iluminación do aparcadoiro do complexo deportivo A Pinguela

O Goberno local de Monforte comeza un novo proxecto que contribuirá a mellorar significativamente a iluminación da zona de aparcadoiro do complexo deportivo de A Pinguela, “na que non había iluminación, concretamente entre o pavillón polideportivo e o campo de fútbol, nin entre pavillón e as pistas de tenis, nin nos aparcamentos que dan á estrada de Sober”.

Trátase do proxecto de iluminación da zona de aparcadoiro, tanto a que dá á estrada de Sober como os situados nos exteriores do campo de fútbol, da piscina e do polideportivo.

Para elo, o executivo de José Tomé destinou máis de 18.000 euros: “Con este proxecto de iluminación dos estacionamentos desta zona e unha vez se remate a mellora dos aparcadoiros e reordenación do tráfico, así como a mellora integral da piscina, esta zona da cidade completará a súa transformación, posto que xa levamos a cabo a mellora das súas rúas, o novo parque Covas-Pinguela, o novo pavillón polideportivo municipal, ou as melloras do campo de fútbol. Só quedará por arranxar as pistas de tenis, algo que temos xa en proxecto”, salientou o alcalde.

As actuacións consistirán na instalación de sete columnas galvanizadas de oito metros con cimentación, de tres columnas galvanizadas con dobre brazo sen cimentación e doce novas luminarias Essence de 70w. O proxecto inclúe tamén toda a canalización do cableado sobre terra e asfalto, empregado cable modelo Rv 2×6 e 1×16 T/T.

Con esta actuación completarase a transformación deste espazo da cidade, xa que se une aos proxectos xa anunciados polo rexedor de mellora de todo o espazo destinado para estacionamento deste complexo deportivo da Pinguela e o arranxo integral da piscina municipal.