Skip to main content
Monforte

O alumnado das diferentes Escolas Oficiais de Idiomas de diferentes puntos de España foron recibidos polo alcalde

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu na Casa do Concello a alumnos e alumnas de diferentes Escolas Oficiais de Idiomas de distintos puntos de España que están de intercambio de estudos en Monforte, dentro do Proxecto de Agrupación de Centros Educativos da Escola Oficial de Idiomas de Monforte de Lemos.

O Salón de Plenos da Casa Consistorial foi o lugar escollido para recibir a 25 alumnos e alumnas provenientes das Escolas Oficiais de Idiomas de Avilés (Asturias), Dos Hermanas (Sevilla) e Alcalá de Henares (Madrid) por parte de José Tomé, a tenente de alcalde, Gloria Prada, e as profesoras da Escola Oficial de Monforte, Rosa Quiroga e Vanesa Rodríguez.

O alcalde fixo un breve esbozo aos asistentes da historia da cidade, destacando o valor dos seus personaxes máis senlleiros coma o VII Conde de Lemos ou o Cardenal Rodrigo de Castro, e tamén resaltou os principais elementos patrimoniais e artísticos da cidade como o Conxunto Monumental de San Vicente, o Casco histórico, o Museo das Clarisas, os Escolapios ou o Miradoiro do Duque, nos canóns do Sil da Ribeira Sacra.

O acto rematou coa entrega a cada un dos alumnos e alumnas dun agasallo institucional, consistente nunha bolsa de tela oficial que leva impresas fotografías dos principais recursos turísticos da cidade, a Guía turística oficial do Concello, o plano-rueiro da cidade e a Guía da Oficina de Atención ó Peregrino de Monforte, que recolle todos os aspectos que rodean ó Camiño de Inverno a Santiago.