Skip to main content
Monforte

O Goberno local de Monforte avisa de que haberá un corte de tráfico nun paso a nivel a partir do luns

Por 20 Abril, 2024Abril 21st, 2024Sin comentarios

A partir deste luns, 22 de abril, estará cortado o tráfico do paso a nivel situado na rúa Roberto Baamonde-A Florida, no punto quilométrico 0+841 da vía férrea, debido ás obras de mellora que ADIF está a levar a cabo na vía férrea Monforte de Lemos-Ourense.

Segundo comunicaron os responsables de ADIF ao Concello, o corte producirase dende as 8.00 horas do vindeiro luns 22 de abril e ata as 15.00 horas do venres 10 de maio de 2024. Adicionalmente, desde ADIF preveuse a creación dun paso provisional para que os peóns poidan cruzar dun lado a outro das vías.

Estes traballos enmárcanse no proxecto de renovación de vía na liña 810 Monforte de Lemos- Ourense, e dado que a execución dos citados traballos require de varios días para efectualos, é necesario levar a cabo o citado corte do tráfico de vehículos no paso a nivel da rúa Roberto Baamonde, tras finalizar hai uns días os traballos que obrigaron a pechar o paso a nivel da rúa Escultor Francisco Moure, e posteriormente o paso a nivel existente na rúa Reboredo.

Estas obras forman parte do investimento de 550 millóns de euros que o Goberno de España destinou para modernizar a vía Ourense-Monforte de Lemos-Lugo.

Itinerarios alternativos para vehículos lixeiros e pesados

Para o corte deste paso, o tráfico de entrada a Monforte procedente da N-120 e da rúa Valle Inclán (LU-933) desviarase, no caso dos vehículos pesados pola N-120 ata a estrada CG-2.1 sinalizando o desvío tanto no punto de enlace da glorieta de Rúa Benito Vicetto.

No caso dos vehículos lixeiros, os procedentes de rúa Valle Inclán poderán desviarse por rúa Chamoso Lamas e os procedentes da N-120 e resto de entradas desviaranse por Cuatro Vientos Para o tráfico de saída da cidade, os vehículos procedentes de rúa Leopoldo Calvo Sotelo e os de rúa Roberto Baamonde, establecerase como ruta alternativa a rúa da Estrela entrando desde Praza do Piñeiro, requirindo a supresión do estacionamento no tramo fronte a esta praza para permitir a fluidez do tráfico.

Igualmente, o tráfico de vehículos pesados que procedan de Lugo e Chantada, e demais entradas da zona norte, desviaranse pola Ronda Urbana e N-120A ata a CG-2.1, desde a que enlazarán á N-120.