Skip to main content
Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela afirman que “o único culpable da marcha de Craega é José Tomé”

Antonio Ameijide e Katy Varela ofreceron unha rolda de prensa na que se amosaron moi contundentes contra José Tomé despois de ver como o alcalde de Monforte e presidente da Deputación “tenta buscar escusas consciente de que é o único responsable por mor dos seus caprichos persoais” da marcha do CRAEGA da vila do Cabe tras case 30 anos no municipio.

“É a primeira vez que nos temos que desculpar por traballar a favor dos veciños da provincia e, neste caso, nun dos concellos da zona sur porque ao alcalde lle parece mal”, subliña o portavoz provincial.

Ambos ofreceron esta rolda de prensa tras ver como o PSOE presentaba sendas mocións en ambas institucións esixindo a ambos voceiros que pedisen desculpas públicas por, segundo José Tomé e o PSOE, “mentir e manipular” coa marcha do CRAEGA de Monforte.

“É unha estratexia de José Tomé para tentar desviar a atención da súa persoa e botar as culpas aos de enfronte. A realidade é que non fixo nada do que estaba na súa man para que o CRAEGA quedase en Monforte e, agora, sabedor de que é o único responsable, tenta escorrer o vulto”, denunciaron.

O voceiro provincial popular pídelle a Tomé “que deixe de lado os seus caprichos persoais e que estea á altura dos seus cargos e que non sexa unha carga para a provincia e para o Concello de Monforte porque o seu ego sáelle moi caro aos veciños da provincia e, máis concretamente, aos veciños de Monforte”.

Ameijide lembrou que “Tomé é o principal responsable de non sentarse a falar co CRAEGA que levaba anos intentando demandando quedarse en Monforte e empregando as instalacións do Pazo de Tor; pero a persoa que tiña capacidade para garantir que o CRAEGA seguise en Monforte negouse a falar cos seus representantes”.

Os populares defenderon no pleno da Deputación do mes de marzo unha iniciativa para que o goberno provincial cedese as instalacións sen uso do Pazo de Tor e a finca de preto de 200 hectáreas que están sen producir.