Skip to main content
Quiroga

Representantes das diferentes administracións públicas achegáronse e puxeron en valor á Feira do Viño de Quiroga

A Feira do Viño de Quiroga 2024 foi todo un éxito a pesar da chuvia, á que se achegaron centos de persoas que quixeron desfrutar desta edición cargada de actividades relacionadas co viño e máis dunha ducia de adegas.

Así, ademais de turistas e veciños, tamén se achegaron membros da corporación da Deputación de Lugo, como o deputado de Participación Cidadá, Iván Castro, que salientou a calidade e a riqueza vitivinícola da comarca e salientou o compromiso da institución provincial co evento, ao que destina preto de 35.000 euros a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2024.

Tamén apareceu o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, quen fixo entrega dun galardón de recoñecemento ao labor de Adegas Algueira, unha das 13 bodegas participantes. Alí, agradeceu ser convidado ao evento, consolidado como unha das citas de referencia na exaltación do viño da nosa comunidade.

No marco desta feira, José González puxo en valor as diferentes liñas de axudas destinadas polo seu departamento á ordenación, o fomento e a promoción dos viños galegos. Así, fixo referencia, en concreto, ás achegas para a reestruturación e reconversión de viñedo, que teñen como finalidade incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo do viñedo ao cambio climático e avanzar na súa sustentabilidade.

Tal e como lembrou José González, a convocatoria destas achegas para este 2024, dotada con catro millóns de euros, publicouse o pasado martes no DOG e o prazo para solicitalas estará aberto ata o vindeiro día 26 de abril.

Nesta liña, o conselleiro especificou tamén que, dentro da aposta pola calidade diferenciada das producións primarias, veñen de convocarse dúas partidas específicas dotadas con 600.000 euros para apoiar o labor de control da calidade desenvolvido polos consellos reguladores e para fomentar que os produtores se integren en réximes de calidade. Os consellos reguladores terán de prazo ata o 29 de abril para presentar as súas solicitudes, mentres que os produtores interesados en adherirse a un réxime de calidade poderán solicitar as achegas ata o vindeiro 27 de maio.

Seguindo esta liña, reafirmou o compromiso do Executivo galego co fomento da calidade e a promoción dos produtos agroalimentarios, lembrando os 9,5 millóns de euros de orzamento cos que conta o Plan de promoción dos produtos galegos de calidade diferenciada.

O titular do Medio Rural en funcións puxo tamén de relevo a calidade dos viños galegos, concretamente os da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, protagonistas desta feira. Salientou a súa situación “nun enclave excepcional”, caracterizada por un microclima moi particular que os define “dentro e fóra das nosas fronteiras”.

Neste sentido, explicou que o sector vitivinícola é un dos piares da economía da nosa comunidade e, por extensión, unha prioridade para o Goberno autonómico. José González fixo referencia ao apoio e ao compromiso da Xunta con este eido, materializado en planificacións como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas. Referiuse a ela como “unha folla de ruta” elaborada para potenciar ao máximo a inmensa riqueza que representa o viño para a nosa comunidade.