Skip to main content
O Saviñao

A primeira reunión da Comunidade Rural Montes de Saberes foi todo un éxito

O Auditorio do Concello do Saviñao en Escairón acolleu a primeira reunión da Comunidade Rural Montes de Saberes, ‘As Comunidades de Montes como motor de dinamización rural’ dentro do proxecto Comunidades Rurais desenvolvido por Acción contra a Fame e cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus e Fundación MAPFRE.

Dende a organización do evento agradecen o éxito de participación e asistencia a esta primeira xornada onde se expuxeron e analizaron as limitacións e retos que enfrontan as Comunidades de Montes tanto de forma legal, territorial, poboacional coma de recursos.

Os poñentes foron José Manuel Iglesias, da Comunidade de Montes O Carballo (Friol) e representante da empresa Tenzas; Felipe Castro, axente forestal; Daniel Canosa, da Fundación Juana de Vega; Xavier Fontcuberta, da Fundación Roberto Rivas; Guillermo Díaz, de Coureleando, e Franciso J. Domínguez, resineiro, formador e representante da Comunidade de Montes de Tuiriz.

Estes, deixaron en evidencia todas as potencialidades e oportunidades que teñen as Comunidades de Montes na actualidade: O desenvolvemento e implementación de actividades produtivas nos montes favorecen a fixación poboacional, a xeración de postos de traballo e a profesionalización do rural, incluíndo os sectores forestal, gandeiro, agrícola, tusítico e de servizos.

O obxectivo deste primeiro encontro foi identificar aquelas Comunidades interesadas en xestionar os seus recursos, utilizando ao programa de Comunidades de Emprego e Emprendemento Rural Sostible como vehículo de acompañamento para a súa execución e desenvolvemento.

Esta Comunidade Rural Montes de Saberes é o inicio dun proxecto colaborativo e participativo de todos os axentes e comuneiros/as interesados/as en fomentar e potenciar a figura da Comunidade de Montes como parte activa do crecemento económico do territorio.

Dende Acción contra a Fame animan a participar neste grupo recén creado a toda a cidadanía e Comunidades de Montes que queiran aproveitar esta oportunidade para crear sinerxías para traballar polo desenvolvemento do rural.