Skip to main content
Taboada

O BNG de Taboada consegue aprobar unha moción no pleno de rexeitamento ao proxecto de Altri

O pleno do Concello de Taboada vén de aprobar unha moción do BNG na que expresa o seu rexeitamento ao proxecto anunciado por Altri para construír unha celulosa en Palas de Rei, ao tempo que se compromete a asesorar a veciñanza na presentación de alegacións, así como a dirixirse á Xunta de Galicia para que faga o posible para que o proxecto non saia adiante dadas as súas consecuencias negativas para as nosas comarcas.

O grupo municipal do BNG, como parte do Goberno, ofreceu o apoio institucional e político do Concello de Taboada a toda a veciñanza que se considere prexudicada pola macropasteira prevista construír por Altri na comarca da Ulloa.

O tenente de alcalde e voceiro do BNG, José Portela, reiterou a intención da súa formación política de apoiar a presentación de alegacións e as posibles convocatorias de mobilizacións en contra da instalación na veciña comarca da macrofactoría de Altri, tal como fixo público nun comunicado o pasado 26 de marzo.

O grupo municipal do BNG de Taboada reiterou no pleno o rexeitamento do BNG ao proxecto que, segundo se confirmou coa exposición de pública, non será a anunciada fábrica de fibras téxtiles, senón unha pasteira de celulosa que afectará aos recursos hídricos ao medio natural, á actividade agrogandeira e a un ben patrimonial como o Camiño de Santiago.

Ademais, din que “acusamos ao Partido Popular de mentir e de querer converter a comarca da Ulloa nun lugar onde non se poida vivir a cambio duns supostos 250 postos de traballo. Igual que aconteceu hai 60 anos co encoro de Belesar, non podemos consentir que de novo unha iniciativa industrial saia adiante sen asegurar que repercuta positivamente no noso territorio”, sostivo José Portela, que cuestionou tamén o carácter estratéxico do proxecto, lembrando “que se trata dunha industria de enclave, unha pasteira de grandes dimensións que non vai pechar ningún ciclo en Galicia e que levará a pasta a outros países para transformala en fibra téxtil”.