Skip to main content
O Incio

O lavadoiro do núcleo de Hospital do Incio será rehabilitado e acondicionado

O Concello do Incio levará a cabo a rehabilitación e acondicionamento do lavadoiro do núcleo de Hospital coa colaboración da Xunta, a través de Turismo de Galicia, que concede a esta actuación 29.469 euros no marco das axudas a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas.

Esta actuación busca a integración dos elementos que conforman o patrimonio etnográfico, neste caso o lavadoiro de Hospital, que se atopa no núcleo rural do mesmo nome, a escasos metros da igrexa de San Pedro Fiz de Hospital: Igrexa románica de finais do século XII, declarada Ben de Interese Cultural.

As obras van consistir na rehabilitación do lavadoiro e o acondicionamento da contorna, coa pavimentación do acceso ao mesmo e a integración do lavadoiro no espazo público do núcleo.

A intervención vaise centrar na rehabilitación do lavadoiro, repoñendo a cuberta de madeira de castiñeiro e lousa reparando os muros, acondicionamento da contorna e o acceso á mesma para favorecer a súa funcionalidade e integración na vida do propio núcleo e o prazo de execución dos traballos será de tres meses.