Skip to main content
Láncara

Comesaña reafirma a intención do Sergas de manter as prazas de médico nunha visita ao centro médico de Láncara

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, visitou o centro de saúde de Láncara, onde mantivo un encontro co persoal que traballa no mesmo. Estivo acompañado do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico, e da directora de Atención Primaria, María Núñez Temes.

O responsable sanitario do Goberno galego reafirmou a intención do Servizo Galego de Saúde de manter as tres prazas de médico de familia deste centro de saúde, e que, neste momento, mentres non é posible cubrir de forma definitiva todas as prazas, a área sanitaria lucense está a realizar todos os esforzos para cubrir as vacantes con facultativos substitutos.

Así, o Sergas está a enviar de xeito regular, sempre que é posible e empregando todos os métodos establecidos (prolongacións de xornada ou intersubstitucións), médicos de atención primaria para dar cobertura ás dúas ausencias que hai neste momento no centro sanitario de Láncara.

O conselleiro de Sanidade en funcións trasladou ao persoal sanitario e non sanitario unha mensaxe de tranquilidade fronte ao catastrofismo que están a transmitir os máximos responsables do Concello de Láncara en relación coa atención no centro de saúde deste municipio no que, reiterou, non se vai amortizar ningunha praza.