Skip to main content
Láncara

O presidente da Deputación pon en valor a Feira da Tenreira de Láncara, que cumpre 25 anos

Por 20 Abril, 2024Abril 21st, 2024Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, presentaron no Pazo de San Marcos a vixésimo quinta edición da Feira Degustación da Tenreira Galega, que se celebrará na Pobra de San Xiao os próximos días 30 de abril e 1 de maio.

José Tomé amosou a súa satisfacción por contribuír dende a Deputación a difundir as vodas de prata desta romaría popular “que fusiona cultura e gastronomía”, unha festa declarada de Interese Turístico Galego, que “ano tras ano supera as expectativas incorporando novidades ao programa de actividades, o que enriquece as dúas xornadas que teñen lugar en torno ó Primeiro de Maio”.

O mandatario provincial destacou que este tipo de iniciativas son moi positivas “porque poñen en valor o traballo dos gandeiros e gandeiras; os seus produtos de alta calidade e, desta forma, favorecen a súa comercialización e consumo”.

Destacou ademais, que esta feira “contribúe a promocionar a nivel turístico Láncara porque dá a coñecer os seus valores culturais e patrimoniais; e, por suposto, ten un retorno económico directo para a hostalería e para o comercio, porque onde se move xente, sempre hai consumo nestes negocios”.

Precisamente, unha das grandes liñas de traballo da institución provincial, afirmou o presidente, “é o apoio aos sectores produtivos, nomeadamente ao sector primario, ás actividades agrogandeiras, forestais e do mar, porque é aí onde se concentra un dos maiores músculos da nosa economía e do emprego, e onde se sitúa un dos maiores potenciais para seguir medrando e para afrontar o reto demográfico”. Porque, engadiu, “o sector primario ten unha alta capacidade de xerar riqueza, de crear emprego e, polo tanto, de fixar poboación no rural”.

Unha das grandes novidades para conmemorar estes 25 anos de feira son os cantos de taberna e a foliada popular con degustación gratuíta de Tenreira Galega Suprema, que terá lugar o 30 de abril, na Praza dos Labradores da Pobra de San Xiao, e na que se repartirán 200 quilos de carne entre os asistentes.

José Tomé deu os parabéns ao rexedor por impulsar a Feira da Tenreira, así como polo traballo que está a levar a cabo no Concello, que “está vivindo un cambio moi positivo dende que está á fronte do Goberno municipal, con moitas medidas en materia de servizos, de infraestruturas, de mobilidade ou de oferta cultural”.

Rematou o presidente dicindo estar convencido dun novo “éxito” da feira, e animou aos veciños e veciñas, e a todas as persoas que visitan a provincia, a desfrutar das actividades que se desenvolverán nas dúas xornadas festivas.