Skip to main content
Sarria

A veciñanza de Sarria e o alcalde, Claudio Garrido, denuncian a “falta de civismo” na vila

Os veciños e veciñas de Sarria e o alcalde Claudio Garrido denuncian a “falta de civismo” que hai na vila despois de comprobar que, durante a noite do martes 9 ao mércores 10 de abril, varias plantas instaladas no Malecón estaban arrancadas.

O rexedor, Claudio Garrido, fixo fincapé en que desde o Goberno local procúrase manter en bo estado o mobiliario, os xardíns, as árbores, os residuos… pero “a falta de civismo e urbanidade, ademais do mínimo respecto ao público e a todos lévanos a ver imaxes lamentables como estas, que se repiten unha e outra vez na nosa vila”. E remotou pedindo, de novo, civismo.

Pola súa parte, algúns veciños e veciñas da vila, comentaron en grupos de redes sociais que non é a primeira vez que pasa e que na vila “hai moitos incivilizados que non respectan nada, nin mobiliario urbano nin aparatos para facer exercicios nos xardíns”. Tamén din que hai xente que “non recolle os excrementos das súas mascotas e que hai fachadas privadas con mexos de can”, así como enumeran máis problemas como “pintadas absurdas que dan imaxe de suciedade, papeis e botellas tiradas, pegatinas pegadas, papeleiras rotas a golpes, ramas de árbol arrancadas…”

Por todo isto, piden aos seus conveciños que sexan máis cívicos, pero tamén algunha persoa apunta á necesidade de que se instalen cámaras nas rúas para poder coñecer a persoa ou persoas que realizan estes actos vandálicos e poder así sancionalos e poder revertir a situación.

O pasado mes de novembro de 2023 o Goberno local de Sarria implementou un novo sistema de tráfico de Sarria que incluía 18 cámaras de tráfico para vixiar e mellorar a circulación e a seguridade vial na vila, pero non as instalou nos espazos públicos e prazas de uso peonal, polo que desde a cidadanía piden máis cámaras e control destes sucesos.