Skip to main content
Sarria

O PP de Sarria defenderá no pleno que se poña en valor o río Celeiro

Por 24 Abril, 2024Abril 25th, 2024Sin comentarios

Os concelleiros do PP de Sarria defenderán no vindeiro pleno ordinario unha iniciativa para reclamar ao Concello a posta en valor do río Celeiro, coñecido tamén como río Pequeno, “con todas as accións que sexan necesarias para favorecer un maior protagonismo como patrimonio natural e paisaxístico do noso municipio”.

Os populares propoñen non só “levar a cabo os labores de limpeza das marxes e da propia canle, requirindo a actuación da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil cando sexa necesario, senón que unha vez realizadas, se planifiquen actuacións para o seu mantemento periódico e permanente de cara a evitar chegar de novo á situación actual de completo abandono, xa que en moitas partes a vexetación chega a cubrir a canle do río.

Igualmente, os concelleiros do PP demandan o acondicionamento e mellora do paseo fluvial, así como a ampliación do mesmo de forma que se estuden as posibilidades para a súa conexión co barrio da Estación.

En definitiva, “queremos que se conserve o río en boas condicións ao longo de todo o ano e se poña en valor o entorno para que resulte atractivo como espazo de recreo para os sarriaos e sarriás e tamén para que os visitantes e peregrinos leven unha boa imaxe de Sarria”.

De feito, “o descoido do río é un comentario habitual por parte de visitantes e peregrinos nas súas valoracións sobre a nosa vila, tendo en conta que é especialmente palmario en localizacións como a Ponte da Áspera ou a contorna da Estación de Tren, lugares de especial tránsito de persoas e chave para a imaxe do noso pobo”, engade a portavoz Carmen José López.

A popular sinala que “xa é moita casualidade que o Goberno local dea comezo aos traballos de limpeza dos ríos xusto ao día seguinte de que o noso Grupo Municipal rexistre formalmente esta iniciativa ante o Concello, o que non fai máis que evidenciar, unha vez máis, que estamos ante un Goberno carente de proxecto e de iniciativa, que só reacciona cando non lle queda máis remedio e como reacción á labor da oposición”.

Con todo, “alegrámonos que a nosa iniciativa e actividade teña efectos positivos para Sarria, xa que este era precisamente o noso obxectivo como oposición”.