Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca TERRACHÁXARiotorto AMARIÑAXA

A Xunta recibe 11 ofertas para obras en tres estradas autonómicas que pasan por 7 concellos

Por 4 Abril, 2024Sin comentarios

A Xunta recibiu 11 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme en tres estradas autonómicas, ao seu paso por 7 concellos da provincia de Lugo.

En concreto, estas actuacións, que suporán un investimento de preto de 2,5 millóns de euros, levaranse a cabo en varios treitos das estradas LU-530, LU-122 e LU-113, ao paso polos municipios de Castroverde, Baleira, A Fonsagrada, Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza e Riotorto.

De xeito máis detallado, o contrato prevé actuar na estrada LU-530 entre as travesías de Castroverde e do Cádavo, ao longo dunha lonxitude de 8,78 quilómetros; e entre A Lastra e A Fonsagrada, en 19,34 quilómetros.

Na LU-122, actuarase no tramo Paraxes-Cruz da Cancela, nunha lonxitude de 20,12 quilómetros; e na LU-113, desde o final da travesía de Castro ata Xustás.

Estes traballos danlle continuidade aos traballos executados en anos anteriores, pois na LU-113 mellorouse en 2023 o firme entre os puntos quilométricos 0 e 6+000 nos concellos de Castro de Rei, Cospeito e Abadín.

Cómpre lembrar que no 2019 tamén se acondicionou a capa de rodaxe da LU-530 entre o inicio da estrada en Lugo ata a entrada a Castroverde.

O obxectivo da Xunta é adxudicar en xuño as obras e executar neste ano os traballos de acondicionamento nestas tres vías autonómicas recollidos neste contrato.

Cómpre lembrar que, desde a posta en marcha dos Plans de reforzo de firme no ano 2016, a Xunta destinou 32,8 millóns de euros a renovar o pavimento das vías autonómicas na provincia de Lugo.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando neste ano 53 millóns de euros á súa conservación.