Skip to main content
Antas de UllaCastro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

A Deputación investirá tres millóns de euros en estradas de Castro de Rei e Antas

Por 12 Abril, 2024Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres investimentos que suman preto de 3 millóns de euros para a mellora da mobilidade na provincia. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, detallou que estes fondos irán destinados á mellora de tres estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Castro de Rei e de Antas de Ulla, e á conservación e mantemento da Rede Viaria Provincial.

– Por unha banda, licitouse a obra de acondicionamento dun novo tramo do Cinto Comarcal, a estrada LU-P-1611, ao seu paso polo concello de Castro de Rei, entre os quilómetros 93,665 e 94,395. Cun investimento de 85.000€ para a drenaxe, fresado da vía, estendido de aglomerado en quente e reposición da sinalización. O prazo de execución será de 3 meses desde que se inicien os traballos.

“A Deputación leva dedicados máis de 3,3M€ ó Cinto Comarcal de Lugo dende que José Tomé Roca é Presidente desta institución“ , sinalou o Deputado, para quen “demostra ben o esforzo investidor enorme que está facendo esta institución provincial na mellora e conservación desta estrada“. Lembrou que o Cinto Comarcal conta con 131 quilómetros de lonxitude, que, polas súas características, “debería ser de titularidade da Xunta de Galicia, como xa temos reivindicado en moitas ocasións“.

– Licitada tamén por preto de 150.000€ a mellora da LU-P-1105, de Ponte de Outeiro a Quintela, no tramo que vai do quilómetro 3,365 ó 6,003. Uns traballos que consistirán na reapertura das cunetas, na pavimentación con aglomerado en quente e na reposición da sinalización. Terán un prazo de execución de 3 meses desde o inicio das obras.

– Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou a adxudicación, por máis de 160.000€ á empresa Ovisa Pavimentos y Obras SLU, das obras de mellora da LU-P-0302, que é a que vai de Antas ó límite provincial con Pontevedra por Santa Mariña. O proxecto afecta ao treito comprendido entre o quilómetro 6,6 e 9,9, e consiste na drenaxe, no aglomerado e no pintado da vía. O prazo de execución é de dous meses.

Polo que respecta á conservación e mantemento das estradas provinciais, a Xunta de Goberno acordou a adxudicación, por un importe de 2,46M€ e por un período de un ano, de 6 dos 8 lotes nos que está dividido o contrato para a prestación deste servizo, e que se corresponden coas 8 zonas que conforman a Rede Viaria Provincial. En concreto, quedan adxudicados todos os lotes, agás dous.

Volta Ciclista a España

A Xunta de Goberno acordou tamén iniciar a tramitación administrativa necesaria para o patrocinio da Volta Ciclista a España deste ano cunha colaboración económica de 40.000€. “Grazas ás xestións do Presidente da Deputación, la Vuelta volverá á nosa provincia neste 2024”, sinalou Rivera Capón, quen destacou que o día 30 de agosto, na súa etapa 13ª, a competición partirá da cidade de Lugo e rematará nos Ancares nun percorrido de 171 quilómetros, cualificado como de montaña.

“Esta nova aposta por La Vuelta que facemos dende a Deputación supón un investimento en proxección nacional e internacional e en promoción turística que terá un retorno a curto e medio prazo enorme”, apuntou o Deputado, que detallou tamén que a propia organización da proba mobiliza a unhas 3.000 persoas, o que repercute, de xeito directo, na actividade da hostalería, o turismo e o comercio local. Situou a proba ciclista “na elite do ciclismo mundial” xunto ao Giro de Italia e o Tour de Francia, seguida por un público de máis de 400 millóns de persoas nuns 190 países. “Un grao de exposición mundial moi difícil de alcanzar doutro modo”, asegurou.

Programa Impulsa TIC

Adxudicada tamén, por un importe de preto de 63.000€, o subministro e implantación dunha ferramenta dixital para a integración dos sistemas de tramitación municipais cos sistemas de padrón e contable para os 52 concellos da provincia que decidiron adherirse ó programa Impulsa TIC, que a Deputación ten en marcha grazas ós fondos que conseguiu da Unión Europea.

O programa Impulsa TIC conta cun orzamento total de 4,5M€ e ten como obxectivo proporcionar gratuitamente ós concellos servizos e equipamentos tecnolóxicos para axudarlles na súa transformación dixital e, polo tanto, para ofrecer un mellor servizo ós veciños e veciñas.

Programa de Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

Hoxe tamén se aprobou o último paso administrativo para o pago de dúas subvencións do Programa da Deputación para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios. Por unha parte, unha axuda de 6.000€ para a Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, que serviu para acometer obras na nova sede veciñal. E por outra, 6.000€ para a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa que serviron para acometer tamén melloras na sede do colectivo.