Skip to main content
Cospeito

Arranca unha especial edición da Moexmu en Muimenta

Por 5 Abril, 2024Sin comentarios

Muimenta volve ser a capital do agro desde hoxe e ata o domingo 7 de abril, datas nas que se celebra unha edición moi especial da Moexmu, a feira multisectorial na XL edición da Mostra Exposición, o XXXVIII Concurso de Gando Frisón, a XXXVIII Exposición da Gando de Raza Rubia Galega e a XXVIII Poxa de Gando Selecto, ademais do VI Monográfico do Can de Palleiro.

A feira multisectorial, que conta cunha importante presenza de gando, maquinaria agrícola e gandeira e artesanía abriu onte as súas portas para a instalación da maquinaria e a entrada do gando para tres días de celebración, con especial protagonismo para as xornadas de sábado e domingo a partir das 9.00 horas cos concursos de gando, o primeiro día, pola mañá de xatas e xovencas, e de gando frisón pola tarde xunto á poxa de gando selecto tamén en xornada matinal. Este ano hai xa inscritas  para o Concurso de Gando Frisón 17 gandarías, tanto de Lugo (8) como de Pontevedra (3), A Coruña (5) e unha de Asturias. Son un total de 136 cabezas de gando para 24 seccións e campionatos. En Rubia Galega participan 12 cabezas de gando en colaboración con Acruga. Os premios suman os 26.000 euros.

O domingo será a vez dos concursos de manexadores, para a mocidade primeiro e para os adultos despois. Clausurarase oficialmente ao mediodía pero a feira permanecerá aberta ata a noite.

Pero a Moexmu abre xa hoxe venres co día dedicado á veciñanza. Durante a mañá asentaranse os participantes nas parcelas e visitarán os veciños a zona para iniciar a partir das 17.00 horas as actividades, co concurso de xóvenes preparados de gando.

Os carteis anunciadores da feira estiveron outro ano máis da man de Paula Francos Anllo. Son unha homenaxe a todas as persoas que co seu traballo, grande ou pequeno, contribuíron e contribúen (e esperemos que contribúan no futuro) a que a Moexmu se convertese nunha cita consolidada no mundo agrario e gandeiro de Galicia.

Nos concursos de gando cobra especial relevancia a presenza de Bonet Cid Salgado, que será o  xuíz do Concurso de Gando, concurso ao que xa acudiu como gandeiro.

Ademais dos concursos, a Moexmu contará con moitas máis opcións nos máis de 25.000 metros cadrados de exposición, dos cales 15.000 serán ocupados por maquinaria nova e usada. Os postos estarán ocupados por artesanía popular, produtos galegos e xa están ao completo.

Haberá exposición de traxe tradicional do Centrad, así como demostracións de artesáns e música. Estará tamén un zoqueiro de 17 anos, Álvaro Pin Campo, que leva facendo zocas durante dous anos. Completa o programa como todos os anos o concurso de Cans de Palleiro, puntuable para o Campionato Galego, que será o domingo pola tarde.