Skip to main content
Guitiriz

O Pleno de Guitiriz esixirá á Xunta a reposición do servizo de pediatría

Por 5 Abril, 2024Sin comentarios

Guitiriz viviu onte unha sesión plenaria dirixida principalmente a modificacións de créditos, propostas do equipo de goberno que contaron coa abstención ou o voto en contra dos partidos da oposición.

Si houbo acordo para a cesión de terreo da Escola de Santa Cruz a favor da comunidade de montes da parroquia de Santa Cruz ou para a modificación do inventario municipal de camiños no lugar As Casas Novas, na parroquia de Pígara.

Aprobouse tamén unha modificación puntual da RPT, a undécima, que foi votada en contra polo BNG e sobre a que o PP abstívose. Pola súa banda a incoación do expediente do contrato mixto Servizos enerxéticos do alumeado exterior e os edificios municipais do Concello de Guitiriz saíu adiante só cos votos socialistas xa que os nacionalistas abstivéronse e votou en contra o PP.

No capítulo de mocións, o BNG e o PSOE presentaron cada un a súa e logo xuntáronas para esixir á Xerencia do Sergas a inmediata reposición das prestacións do servizo de pediatría no centro de saúde de Guitiriz, moción que non apoiaron os populares.

Tamén chegou a Guitiriz a moción contra a construción de Altri, que contou cos votos a favor de BNG e PSOE e encontra do PP.

Por outra banda, a moción popular relativa á normativa respecto dos Galiñeiros de Autocunsumo foi rexeitada cos votos en contra de PSOE e BNG.

ABANDONO O PP

Os concelleiros do PP de Guitiriz acudirán á Valedora do Pobo para pedir o seu amparo “ante os reiterados incumprimentos do regulamento do pleno por parte da alcaldesa”.

O voceiro popular, José Manuel López, explica que “nos marchamos do pleno do xoves ao ver como, una vez máis, Marisol Morandeira incumpría o regulamento do pleno ao non deixar responder aos concelleiros de goberno ás preguntas formuladas polos edís do PP”.

Segundo o regulamento do pleno, os edís de goberno que teñan delegación exclusiva teñen a obriga de responder ás preguntas que se lles formulen por parte de outros edís, ben sexa de forma oral nese mesmo pleno ou de forma escrita no seguinte pleno.

“No pleno deste xoves indiqueille á alcaldesa que tiñan que responder os concelleiros interpelados e, que senón cumpría co regulamento, abandonaríamos o pleno”, sinalou. Ante esta advertencia, a alcaldesa decidiu seguir polo camiño de plenos anteriores “e negar a palabra aos seus propios concelleiros” polo que abandonamos a sesión.

Un artigo que está a incumprir de forma reiterada a rexedora de Guitiriz “ao responder sempre ela, negando a intervención dos seus concelleiros”. “Non sabemos se é porque non confía no seu equipo ou porque quere ser a protagonista, pero a realidade é que incumpre todos os plenos o regulamento que rexe os mesmos”, indicou.

Unha situación ante a que o propio secretario, nunha sesión anterior, indicou á alcaldesa a obriga de responder que teñen os concelleiros con delegación exclusiva “ao que Marisol Morandeira fixo oídos xordos”.

Ante esta situación de “indefensión” os concelleiros populares recorrerán á Valedora do Pobo para garantir que se cumpre o regulamento que rexe os plenos de Guitiriz.