Skip to main content
Guitiriz

Guitiriz acolle a proxección do documental sobre os segadores de Órrea

Por 21 Abril, 2024Sin comentarios

A asociación Xermolos xunto ao Festival de Cine de Roca organizan unha nova proxección. Será o venres 26 de abril, ás 21:00 horas, na Casa Habanera, e proxectarase o documental Segadores da Órrea en Terras de Castela, de Vanesa Gómez Lourido e Laura Alonso Carracedo.

Despois da proxección terá lugar un coloquio con segadores e tamén con membros da asociación de veciños de Santa Comba da Órrea.

Este documental é un feito histórico, social, antropolóxico e cultural narrado por 31 homes e mulleres que o viviron en primeira persoa. Conta, tamén, coa participación de varios segadores da Órrea residentes en Meira.

Esta proxección forma parte dun ciclo co que Xermolos quere desenvolver unha programación cinematográfica durante todo o ano, unha sesión unha vez ao mes. Co nome Vaia Cine! iniciaron o pasado mes de xaneiro con Julia a partir dunha idea que xurdiu durante a celebración do Festival de Música de Cine de Roca.

A liña común destas películas será unha vinculación coa etnografía e a defensa dos dereitos humanos e da xustiza social e buscando a equidade de xénero ou a presenza do galego.

Na programación incluiranse filmes de actualidade así como outros estreados tempo atrás os cales se considera oportuno desde a organización recuperar polo seu interese social ou etnográfico.