Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

O PSOE de Outeiro de Rei acusa ao alcalde de silenciar a oposición limitando as mocións

Por 27 Abril, 2024Sin comentarios

A voceira socialista lamenta que non aceptou a urxencia da proposta que presentaron para elaborar un regulamento municipal que estableza o correcto funcionamento dos órganos colexiados.

A agrupación socialista de Outeiro de Rei denuncia que o alcalde silencia á oposición limitando a unha as mocións que se poden presentar a Pleno. Así o asegurou a voceira do PSdeG na localidade, Carmen Acacio, que lamentou que o rexedor tampouco aceptou a urxencia da proposta que presentaron para poder elaborar un regulamento municipal que estableza o correcto funcionamento dos órganos colexiados.

“É un desprezo ao noso traballo e á veciñanza que representamos”, valorou Acacio, quen lembrou que antes cada grupo político podía presentar ata dúas mocións en cada sesión plenaria do Concello e que agora, “desde que el o decidiu”, só se pode presentar unha. Engadiu a voceira socialista que “nestes 10 meses de mandato levamos visto varios cambios que non foron comunicados aos diferentes grupos”.

Os socialistas consideran “absolutamente necesario” que todos os compoñentes desta Corporación municipal teñamos un referente regulamentario para que todo o proceso polo que pasa calquera dos órganos sexa o máis obxectivo posible e non haxa lugar a dúbidas de que, por decisión persoal e táctica do Alcalde, o seu funcionamento varíe”.

O PP de Outeiro contra o benestar animal

Lamentou tamén Acacio que no Pleno celebrado onte, o alcalde e o seu grupo de Goberno votasen contra a creación dunha ordenanza municipal de protección e benestar animal, “demostrando a súa irresponsabilidade”. Nese sentido, Acacio sinalou que nun concello como Outeiro de Rei, con 5.300 habitantes é inconcibible que non haxa instalacións para acoller animais, nin protocolo de recollida dos abandonados ou control das colonias felinas.

Desleixo co municipal de San Lourenzo de Aguiar

Carmen Acacio denunciou tamén o desprezo e o desleixo que amosou o Alcalde co respecto ao rogo socialista para o arranxo urxente do campo municipal de San Lourenzo de Aguiar, apoiando as reivindicacións da Agrupación Deportiva Matela. Reclamaban os socialistas ao Concello unhas instalacións “dignas” para este equipo de fútbol local que compite na Terceira galega e que non cómpre nin os mínimos de salubridade.