Skip to main content
Vilalba

Chega a Vilalba a obra de teatro ‘A liorta’, a cargo do Iescha

Por 2 Abril, 2024Abril 3rd, 2024Sin comentarios

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza a representación teatral A liorta, a cargo do grupo Avelaíña Teatro, dirixido por Antonio Simón. O acto terá lugar o sábado 6 de abril de 2024, ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba.

A entrada será de balde pero haberá que realizar a reserva na páxina web do Concello, na casa da cultura ou o mesmo día no auditorio.

A liorta (Voltaire/Rousseau).- Imos presenciar unha escena doméstica entre dous polemistas natos, profundos e corrosivos.

Acontece no s. XVIII, o Século das Luces, na apoteose da Ilustración. De súpeto xurdirá a contenda entre dúas maneiras de entender a vida, o pensamento, a cultura, a sociedade. A refrega será sen tregua, intensa, exaltada. O verbo sagaz voará dun ao outro como dardo vertixinoso. Ninguén ousará dobregarse. Enfrontamento dialéctico entre dous filósofos, no que se un fará uso da súa permanente retranca, o outro replicaralle con rabia sempre explosiva.

Todo transcorre nun palacete onde reside Voltaire (Xulio Leal) na fronteira francosuíza. Alí acode indignado Rousseau (Miguel Anxo Martín) para intentar pescudar quen é o autor dun libelo anónimo que circula por Xenebra e que o desacredita gravemente…: de súpeto están liados nunha pelexa a dentadas que durará ata o final e na que a filosofía non deixa de ser a protagonista.

Iso explica en boa medida, que asistamos a un teatro no que predominará o uso da palabra, nun texto sempre vigoroso, sostido, exquisito.