Skip to main content
Vilalba

“O proxecto máis inmediato é a renovación do noso local social, que é a Escola do Santo”

Por 7 Abril, 2024Sin comentarios

Beatriz Díaz é a tesoureira da asociación Cultural e Deportiva de Árbol.

Cando naceu a asociación e que percorrido tivo nestes anos?

A Asociación Cultural e Deportiva de Árbol nace en outubro do 2013, e xorde como unha xuntanza dun grupo de familias que decidimos seguir reuníndonos cando o tema de Preescolar na casa rematou. Ademais marcamos que tíñamos que xuntarnos unha vez ao mes. Unha das mamás propuxo facer unha asociación e as demais familias dixemos adiante. Así que podemos dicir que esta asociación xorde a partir dos nenos.

Quen forma parte da directiva actual e cantos socios son?

Xa son 11 anos coa mesma directiva, a mesma que a creou, non cambiamos nada. Actualmente somos 150 socios. Tivemos anos que superamos os 200 pero agora somos algún menos. O presidente é Jesús Vigo; a vicepresidenta Neli Alvariño e a secretaria Paula Seoane. Ademais, Lito, Lino, Patri e Berta son vogais.

Cales son as actividades máis habituais?

Nos primeiros anos tivemos moitas actividades ao longo de todo o ano, facíamos cursos de cociña, de baile, de manualidades, pintura; fixemos tamén algún de fitosanitarios, xardinería, etc. Nos primeiros anos tivemos moita actividade pero hai dúas actividades que se mantiveron ao longo ata hoxe, unha delas é a de música tradicional, de onde xurdiu posteriormente o grupo Cerna de Árbol, que a día de hoxe segue funcionando, grupo que participa nas actividades do Concello e tamén nas festas da parroquia. Hai outra, que son as clases de teatro, que comezaron no 2019 e se manteñen tamén ata hoxe. De aí naceu outra formación, Borguete Teatro. Empezamos con oito microescenas de teatro, comedia e drama e representámolas unicamente para a parroquia. Despois sacamos a primeira obra, O Velorio, que representamos nos concellos da contorna e que temos desde hai dous anos no programa, representándoa a través do programa Buxiganga da Deputación. Este ano estreamos nova obra!

Pero tamén fan outras actividades, non?

Ademais destas actividades, facemos un par de excursións a longo de todo o ano. Incluso chegamos a facer algunha vez unha longa de tres días, encamiñadas máis aos nenos. Así, un ano estivemos en Cabárceno e outro fomos á Warner, a Madrid. Realizamos tamén un par de campionatos de tute ao ano, unha actividade que gusta moito á xente porque pasan unha tarde distinta. Facemos tamén o magosto, que foi a primeira actividade coa que iniciamos a asociación. Fixémola coa idea de xuntar á xente para explicarlle porque íamos fundar a asociación e o que íamos facer. Esta é outra das que se mantén no tempo, porque a usamos tamén para a renovación de cotas.
Outra actividade que tivo e ten moito éxito é a chegada de Papá Noel. Naquel tempo non había esta figura pola contorna. Só había cabalgatas, así que quixemos facer algo distinto. Construímos un carro, tirado por quads, no que o levábamos a percorrer a parroquia para rematar no local social, que é a escola, e alí recibía aos nenos. Ademais da recepción todos os anos temos algunha sorpresa. É unha actividade na que foi medrando o número de nenos que asisten.

Pero tamén contan cun comparsa de Entroido moi coñecida.

Fai oito anos, un grupo de amigos decidiron organizarse para formar unha comparsa de Entroido. Nos seus inicios eran arredor de 30 persoas, pero agora quedan máis ou menos a metade. O primeiro disfraz foi o xogo do dominó, seguido da Arca de Xosé, Os de fóra, Os Estacionados e Os Argalleiros. Despois do parón da pandemia volvemos con máis forza, con Viaxa con nós, e este ano tocou Os Meigallos. A idea de disfraz é combinar o tradicional co moderno e contar sempre con elementos naturais, que son a súa característica. Contamos con varios premios, pero o mellor sen dúbida son as fins de semana previas, nas que os membros se reúnen para preparalo todo e o pasan de maravilla.

Como se presenta o ano? Que actividades hai previstas?

Este ano temos agora en marcha as clases de ximnasia para maiores e o curso de manualidades. Tamén temos zumba e as clases de teatro e música tradicional. Está en mente facer o campionato de tute e tamén unha viaxe.

Hai outros proxectos máis de cara ao futuro?

De cara ao futuro o proxecto máis inmediato é a renovación do local social. A nosa base está na Escola do Santo. O local cando o collemos estaba moi deteriorado. Seguimos levando o mantemento, tanto dos arredores como do interior, pero necesita unha reforma para poder usalo en condicións. Temos catro aulas pero son moi pequenas para a xente que albergamos nas disintas actividades. Tamén temos en mente o cambio do lousado do local porque temos goteiras.

De que logros se senten máis orgullosos?

Ademais de crear a asociación, de facer amigos. Estas familias que nos xuntamos somos xa algo máis que veciños, somos grandes amigos. Once anos que levamos sempre os mesmos, ao final con estas xuntanzas o que fas é crear familia. Tamén podemos sentirnos orgullosos de ter un local social en condicións, que estaba abandonado totalmente e que melloramos para ofrecer unha oportunidade para compartir.

Que necesidades teñen?

Precisamente o arranxo do local social é unha das necesidades máis importantes que temos, e tamén a máis urxente.

Contan con axuda para manter a asociación activa?

A asociación mantense grazas ás axudas por parte da Deputación, do Concello, e ás cotas que se cobran anualmente o día no que celebramos o Magosto.