Skip to main content
Vilalba

As festas de Vilalba volverán ser organizadas por unha comisión

Por 6 Abril, 2024Sin comentarios

A responsable de Cultura Tamara Rodríguez reuniuse coa recentemente constituída Comisión de Festas San Ramón e Santa María 2024.

Logo de varios anos organizando os festexos e sendo a responsable dos últimos a propia Rodríguez, o Concello de Vilalba tomou, de cara a este 2024 e por responsabilidade financeira, a decisión de volver confiar na fórmula da comisión e concederlle unha subvención nominativa co ánimo de colaborar do mesmo xeito que se vén facendo, por exemplo, nas parroquias do rural.

Tal e como explicou Rodríguez, a necesidade de sacar adiante contratacións pendentes como a da recollida do lixo e a do Servizo de Axuda no Fogar, facía “inviable cadrar nos orzamentos deste ano e a organización ao 100% municipal das festas e nese senso de responsabilidade tomouse a decisión.

“Foi unha honra para min comezar a miña tarefa como concelleira sacando adiante o San Ramón 2023. Repetiríao e espero poder repetilo, pero non dispoñemos de recursos suficientes para facerlle fronte nesta anualidade 2024, e as opcións dunha comisión con tanta ilusión e gañas como esta son ilimitadas” declarou.

Na xuntanza, agradeceu aos veciños/as que deron o paso a súa xenerosidade e total predisposición e anunciou que o Concello aportará 60.000 euros en concepto de subvención.

A CREACIÓN DA COMISIÓN

A formación desta nova comisión fíxose “un a un” e tentando involucrar a persoas participantes das moitas asociacións que participan da vida cultural da nosa vila.

En palabras de Rodríguez “Non foi labor doada, é comprensible, xa que vivimos nunha época na que o tempo libre é un tesouro do que dispón moi pouca xente.”

Por outro lado, engadiu “o traballo dunha comisión sempre está sometido a críticas que non todo o mundo está disposto a soportar, pois é imposible contentar a todos/as e é difícil acertar en tódalas decisións, sobre todo se lle fas fronte a un traballo que non ten nada que ver coa túa vida habitual”.

“Por prestarse a todo isto e por poñerlle gañas e traballo doulle as gracias a todos e cada un dos membros da Asociación Cultural Festas Patronais de Vilalba, que se embarcaron nesta aventura altruísta para axudarnos a sacar as festas adiante e que todos e todas poidamos desfrutar”, pechou.

COMPOSICIÓN

Os/as membros/as fundadores/as da Asociación son Santiago Ramón Cela Díaz, xubilado veciño das Pedreiras que exercerá de presidente; Cristina Camba, membro da Asociación Cultural Entre Lusco e Fusco, como secretaria, Sonia Prieto Graña, traballadora no sector privado, como vicepresidenta; Marta Vilasuso Bellas, como tesoureira, e acompáñanlles Vicente Currás, da Coral Polifónica e Charanga de Vilalba, que xunto con Charlie Rego Puente figuran como vogais.

Todos os seus membros están de acordo en que a motivación principal que os/as moveu a tomar a decisión de aceptar este traballo foi o desexo de que Vilalba non quedara sen festas, e por iso a súa prioridade é conseguir sacalas adiante.

“Agardamos que a xente comprenda que o orzamento é reducido, que non é posible traer grandes orquestras, pero faremos todo o posible para que todos e todas desfrutemos das festas” comenta Marta Vilasuso.

A primeira iniciativa que levarán a cabo será a venda de rifas nas que se sorteará unha viaxe valorada en 2000 euros organizada por Viaxes Zafiro de Vilalba.