Skip to main content
Vilalba

Dúas activistas colombianas falarán do conflito armado no seu país no IES Lois Peña Novo

Por 11 Abril, 2024Sin comentarios

Os máis de catrocentos estudantes de secundaria que este ano forman parte do proxecto educativo Activistas polo O Mundo Que Queremos reciben estes días a visita de dúas activistas colombianas que loitan por mellorar as condicións de vida das poboacións afectadas polo conflito armado que entre 1985 e 2018 provocou a morte de máis de 450.000 persoas no seu país.

Despois de percorrer diferentes puntos da xerografía galega, as activistas achegaranse este venres ao IES Lois Peña Novo de Vilalba. O obxectivo deste encontro entre as activistas e o alumnado de 1º e 2º do FP de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, é que os alumnos e alumnas coñezan a loita e o traballo destas mulleres de primeira man, se inspiren na súa forma de intervir na súa realidade a través do activismo, e tamén reflexionen sobre as desigualdades norte-sur.

As activistas que se achegarán a Vilalba son Yorya Gaviria e Sara Graciano, da Fundación Forjando Futuros, que traballa en Colombia dende fai máis de vinte anos na restitución das terras desposuídas ou abandonadas con motivo do conflito armado e na defensa e promoción dos dereitos humanos e o fortalecemento de comunidades vulnerables.

Sara Graciano é psicóloga, e ten experiencia traballando en Laboratorios Xuvenís e, en xeral, con xuventude colombiana de entornos vulnerables en cuestións como a participación democrática, os dereitos humanos e a paz, a memoria histórica, a saúde mental e a apropiación do territorio.

Yorya Gaviria pola súa parte, ten experiencia e formación en ciberactivismo, teatro, performance e antirracismo. O seu traballo e activismo céntranse na sensibilización ao redor das violencias de xénero e a defensa dos dereitos humanos para a poboación LGBTIQA+.

Esta actividade será a sesión final dunha metodoloxía pedagóxica que o alumnado desenvolve dende comezos de curso. Un itinerario co que puideron coñecer o que significa ser unha persoa activista, reflexionaron sobre o papel dos medios de comunicación e as redes sociais e utilizaron a radio para o seu activismo creando os seus propios podcast radiofónicos.

O proxecto Activistas polo mundo que queremos, que xa chegou nos seus 11 anos de historia a máis de 4800 mozos e mozas galegos, é posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e ao financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

As ONGDs galegas traballan man a man con organizacións colombianas como Forjando Futuros para xerar as condicións necesarias para que a cidadanía se empodere e se organice na procura do seu propio desenvolvemento para equilibrar os niveis de desigualdade estrutural que se dan neste momento.

Parte importante deste traballo é a propia difusión, así que dende Activistas polo Mundo que Queremos convidamos aos medios de comunicación a que compartan esta información. Se queredes acudir ás sesións presenciais onde se realizarán as charlas por favor, comunicádevos previamente con nós, para que avisemos aos centros educativos.