Skip to main content
Vilalba

Abre o prazo para anotarse aos campamentos de verán do Concello de Vilalba

Por 11 Abril, 2024Sin comentarios

O Concello de Vilalba vén de anunciar a apertura das inscricións para os campamentos de verán 2024, que permanecerán abertas ata o 23 de abril, e que poderán formalizarse na sede electrónica do Concello ou presencialmente no rexistro xeral das oficinas xerais do primeiro andar.

Como en edicións anteriores, os campamentos celebraranse en dúas quendas de 40 prazas cada unha. A primeira delas terá lugar do 1 ao 26 de xullo e a segunda do 29 de xullo ao 23 de agosto, sendo posible tanto inscribirse en ámbalas dúas como só nunha.

As actividades, dirixidas á poboación infantil con idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos, é dicir, nados entre o 2019 e o 2012, terán un custo da matrícula de 90 euros por quenda para os nenos e nenas empadroados no Concello de Vilalba e de 180 euros por quenda para aqueles menores non empadroados.

Pola súa banda, o horario preferente das actividades será de 9:00 a 14:00 horas, primándose as actividades en espazos ao aire libre e podendo consultar todas as normas e bases da convocatoria na sede electrónica e no taboleiro de anuncios do Concello de Vilalba.