O Museo de Pontevedra organiza obradoiros infantís en Semana Santa sobre ilustración botánica e José Suárez

O Museo de Pontevedra ofrece actividades para nenas e nenos durante a Semana Santa con propostas creativas arredor da arte e da fotografía.
Obradoiros
20 Mar 2026

O Museo de Pontevedra programa varios obradoiros infantís para a Semana Santa co obxectivo de achegar ás nenas e nenos de ata 12 anos propostas creativas vinculadas ás súas coleccións e a figuras destacadas da arte galega.

As actividades desenvolveranse o sábado 28 de marzo e os días 31 de marzo e 1 de abril, coincidindo coa semana de Pascua, e o prazo de inscrición abrirase ao longo desta semana.

Obradoiros de ilustración botánica

Os días 31 de marzo e 1 de abril terán lugar dúas sesións independentes de ilustración botánica no Edificio Castelao, en horario de 11:30 a 13:30 horas, dirixidas a nenas e nenos de entre 7 e 12 anos.

A actividade estará impartida pola ilustradora Chus Rojo, quen traballará coa rapazada a observación artística da natureza, ensinando a debuxar plantas e motivos florais para crear un caderno botánico.

O obxectivo é que as persoas participantes se familiaricen coas especies locais, as súas formas, cores e estruturas, empregando como referencia tanto as coleccións do museo como flores reais.

Achegamento á figura de José Suárez

O sábado 28 de marzo celebrarase un obradoiro creativo dedicado ao fotógrafo José Suárez, figura á que se dedica o Día das Artes Galegas.

A actividade, que terá lugar tamén no Edificio Castelao en horario de 11:30 a 13:00 horas, estará impartida por Taller Abierto e combinará contidos de plástica e etnografía.

A través dun percorrido polos lugares e personaxes retratados por Suárez, as nenas e nenos poderán achegarse ao seu universo visual e aprender conceptos básicos de composición fotográfica.

Durante o obradoiro analizaranse algunhas das súas imaxes máis representativas, identificando elementos característicos do seu estilo, como os planos contrapicados, a ausencia de mirada directa á cámara ou o uso de obxectos como parte narrativa.

Inscricións abertas

A inscrición para os obradoiros de ilustración botánica abrirase o 18 de marzo a través da web do museo, mentres que o taller sobre José Suárez permitirá a inscrición desde o 20 de marzo mediante Whatsapp.

0.36144614219666