El PSdeG designa los candidatos a las 13 alcaldías para as eleccións de maio de 2027

A Comisión Nacional de Ética do PSdeG acordou hoxe a designación de candidatos e candidatas socialistas a 13 alcaldías galegas nas eleccións municipais de maio de 2027. Trátase das cidades onde o Partido Socialista xa ten a alcaldía e de 7 dos 8 concellos nos que este mediodía se pechou o prazo para a presentación de precandidaturas dentro do proceso de primarias.
O Comité Federal acordou na súa reunión do pasado sábado abrir tres prazos para a celebración das primarias, en xullo, setembro e novembro, tras o que as direccións do PSdeG e das agrupacións provinciais decidiron a inclusión nesa primeira fiestra das agrupacións de Narón, Oleiros, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ponteareas, todas elas de municipios de máis de 20.000 habitantes.
En sete dos casos, só se formalizou unha precandidatura. En Narón, a de Jorge Ulla Rocha; en Oleiros, a de Jesús Fernández Díez; en Santiago, a de Pedro Blanco Lobeiras; en Lugo, a de Miguel Fernández Méndez; en Ourense, a de Natalia González Benéitez, en Pontevedra, a de Iván Puentes Rivera, e en Ponteareas, a de Vanesa Fernández Seoane. Todos eles encabezarán as respectivas listas socialistas, unicamente a falta do trámite da ratificación polos órganos federais do partido.
No caso de Ferrol formalizáronse as precandidaduras de Ángel Mato Escalona e Eva Martínez Montero. Mañá abrirase o prazo para que reúnan os avais precisos para ser designados candidatos e continuar o proceso. Poderán facelo ata o vindeiro día 11 e deberán contar co apoio dun mínimo do 15 % dos militantes e afiliados. Entre o 12 e o 18 de xullo desenvolverase a campaña de información, mentres que a votación se celebrará o domingo 19.
Respecto das candidaturas ás alcaldías nos concellos de máis de 20.000 habitantes onde xa goberna o PSdeG, a Comisión Nacional de Ética formalizou as de José Blas García en Ames, de Inés Rey García na Coruña, de José Ramón Riobóo Castro en Culleredo, de Digna Rivas Gómez en Redondela, de Abel Caballero Álvarez en Vigo e de Alberto Varela Paz en Vilagarcía.