Medio Rural amplía ata o 15 de outubro a época de alto risco de incendios forestais

A Consellería publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución polo que se amplía este período que, inicialmente, remataba o 30 de setembro
incendio-porto-do-son
24 Sep 2026

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se amplía a época de perigo alto de incendios forestais durante o ano 2026 nas datas comprendidas entre o 1 e o 15 de outubro. Esta decisión vén motivada polas actuais condicións meteorolóxicas.

Neste sentido, o pasado 11 de xuño publicouse no DOG a orde que determina a época de perigo alto de incendio, que abrangue do 1 de xullo ao 30 de setembro. Esa mesma orde recolle a posibilidade de modificar ditas datas e declarar como perigo alto outras épocas do ano, cando as condicións meteorolóxicas ou outras circunstancias agraven o risco de incendios.

Polo tanto, Galicia continuará en alto risco de incendios ata o 15 de outubro, cun operativo que seguirá moi atento e en garda. A Consellería do Medio Rural lembra tamén que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. A maiores, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

0.33412909507751