100.000 luces led iluminarán a gran árbore de Nadal da Porta do Sol

O Concello de Vigo iniciou este xoves os traballos de montaxe da gran árbore de Nadal da Porta do Sol, que medirá 45 metros de altura, estará coroada por unha estrela de 9,5 metros, terá 13 metros de diámetro e un peso total de 20 toneladas.
O alcalde, Abel Caballero, visitou esta mañá a instalación e asegurou que se trata da árbore “máis importante deste planeta”, cun deseño técnico complexo e un impresionante xogo de luces e imaxes grazas ás súas 100.000 luces led.
Segundo explicou o rexedor, a Porta do Sol converterase este Nadal nun “gran bosque luminoso”, coa instalación de dez árbores de entre 8 e 10 metros de altura, que reforzarán o espectáculo visual e a capacidade de xogo lumínico da praza.
A cidade contará este ano con case 12 millóns de luces led, repartidas por 460 rúas e prazas, fronte ás 420 do pasado ano. Ademais, instalaranse preto de 7.000 elementos ornamentais, incluíndo 1.161 arcos, 2.883 motivos e 2.667 árbores, así como máis de 50 estruturas 3D.
Entre os principais atractivos do Nadal vigués figurarán tamén o Belén Monumental da Casa das Artes, a Casa de Papá Noel e a Casa do Carteiro Real, xunto a múltiples puntos de interese e actividades para todas as idades.
Caballero convidou a todo o mundo a visitar Vigo neste Nadal e a reservar canto antes a estadía, aínda que non desvelou a data do acendido das luces, asegurando que é “o segredo mellor gardado deste planeta”.