140 nadadores estrean con éxito a Travesía Costa Cedeira, unha nova cita para a natación en augas abertas

A natación en augas abertas sumou unha nova cita en Cedeira coa celebración da primeira Travesía Costa Cedeira, unha proba que se incorporou este ano ao Circuíto Travesía Costa Duacode 2026 e que reuniu este domingo a 140 nadadores e nadadoras na praia da Magdalena.
A competición contou con dúas distancias, de 1.000 e 3.000 metros, permitindo que deportistas con diferentes niveis e experiencia puidesen participar nunha xornada marcada pola presenza de numeroso público e polo ambiente deportivo.
Na proba longa, de 3.000 metros, a categoría masculina estivo especialmente igualada. Manuel Souto Ramos foi o primeiro clasificado cun tempo de 36.27, seguido por Álvaro Gómez Cardesín, que cruzou a meta en 36.30. O terceiro posto foi para Hugo López Touriño, cun rexistro de 36.33, polo que os tres primeiros remataron separados por apenas seis segundos.
Na clasificación feminina dos 3.000 metros, Lucía Villarnovo Pazos conseguiu a primeira posición cun tempo de 40.15. María Gabriela Tortosa foi segunda con 45.17, mentres que Clara Dopico Espada completou o podio cunha marca de 46.15.
A distancia de 1.000 metros tamén deixou clasificacións moi disputadas. Na categoría masculina, Iván Fernández del Valle foi o vencedor tras completar o percorrido en 13.31. Rubén Baldomar Obelleiro ocupou a segunda posición con 13.45 e Alberto González Iglesias foi terceiro cun tempo de 14.40.
Entre as mulleres, Zaida Guerra Rodríguez conseguiu o triunfo nos 1.000 metros ao parar o cronómetro en 14.51. Lucía Taboada Codesido foi segunda con 15.09 e Iria Martínez Mantiñán terminou terceira cun tempo de 16.15.
A incorporación de Cedeira ao Circuíto Travesía Costa Duacode permite así á localidade contar cunha nova competición deportiva vinculada directamente co mar e coa súa contorna. A primeira edición da travesía deixa, ademais, unha notable participación, con 140 deportistas tomando a saída nas dúas distancias programadas.