25 de Xullo: Por unha Galiza ceibe e sen explotación!

A CIG chama á mobilización este 25 de Xullo, Día da Patria Galega, para reivindicar o dereito a decidir, a xustiza social e a soberanía da clase traballadora galega fronte á opresión, a explotación e a destrución do territorio.
25 Xullo
21 Jul 2025

A CIG fai un chamamento á participación nas mobilizacións e actos organizados polo conxunto do nacionalismo galego con motivo do 25 de Xullo, Día da Patria Galega, nun contexto internacional marcado pola guerra, o crecemento do gasto militar e o xenocidio do pobo palestino.

Desde a central sindical galega advírtese da ofensiva do capitalismo neoliberal, que busca reforzar a explotación de clase e a dominación colonial. Ante esta realidade, a CIG defende a urxencia de construír un mundo baseado na xustiza, a solidariedade, a igualdade e a paz, onde se respecte a soberanía dos pobos e das nacións.

“Galiza é unha nación sen estado, negada dos seus dereitos nacionais”, sinala o sindicato maioritario da clase traballadora galega. A CIG defínese como a expresión da capacidade de autorganización do pobo galego, cun compromiso claro coa defensa da lingua galega, en situación de emerxencia, e co dereito a decidir como clase e como nación.

A central liga as reivindicacións laborais e sociais á necesidade de soberanía política e económica, para aplicar políticas públicas que favorezan ás maiorías sociais, garantindo emprego e salarios dignos, protección social plena e respecto polos dereitos laborais.

Neste sentido, a CIG reclama autogoberno real para aproveitar os recursos propios —enerxía, minería, monte, agro, pesca— e poñelos ao servizo da creación de emprego digno, diversificación produtiva e equilibrio territorial, cunha rendibilidade social e non privada.

“O dereito a decidir é vital para facerlle fronte xustamente á situación actual e construír un futuro digno na nosa Terra e na nosa lingua”, conclúe a CIG.

Este 25 de Xullo, Día da Patria Galega, a central chama a participar activamente nas mobilizacións en Compostela.

⚙ Configurar cookies
0.23748087882996