366 estudantes de 27 centros participan na primeira edición do desafío CiberFP

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participou no lanzamento desta competición, na que se inscribiron 122 equipos de toda Galicia
desafio-fp-ciberseguridade
24 Nov 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, participou hoxe no lanzamento da primeira edición do Desafío CiberFP, unha competición na que toman parte un total de 366 estudantes de 27 centros educativos galegos, organizados en 122 equipos e coa implicación de 50 docentes coordinadores dos mesmos. A iniciativa busca fomentar o talento dixital, desenvolver competencias tecnolóxicas e achegar a formación profesional aos retos reais da ciberseguridade.

O titular de Educación destacou que a ciberseguridade é un ámbito estratéxico para o presente e o futuro do tecido produtivo galego. «Nun contexto no que as empresas dependen cada vez máis dos seus sistemas dixitais, resulta fundamental contar con profesionais capaces de previr, detectar e responder ante posibles ciberataques», sinalou. Neste sentido, puxo en valor o papel da FP na preparación destes profesionais e incidiu en que «o Desafío CiberFP permite trasladar á aula situacións ás que se enfrontan as empresas na súa actividade diaria, ofrecendo ao alumnado a oportunidade de aplicar os seus coñecementos e desenvolver habilidades nun ámbito cada vez máis demandado».

A competición está baseada na metodoloxía Capture The Flag, un formato no que os equipos deben superar probas técnicas e resolver desafíos de ciberseguridade en contornos simulados. Os retos están inspirados en situacións profesionais reais, polo que os participantes poderán poñer a proba as súas capacidades de análise, resolución de problemas e resposta ante posibles ameazas dixitais.

Ao acto formativo, que tivo lugar no Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, asistiron representantes de empresas e entidades de referencia no ámbito da ciberseguridade, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e dos centros participantes, entre eles membros dos equipos directivos, profesorado coordinador e alumnado.

A xornada completouse con visitas guiadas ao CiberLabFP, o laboratorio avanzado de ciberseguridade do centro, inaugurado o pasado mes de abril e estreitamente vinculado á competición, que reproduce os contornos tecnolóxicos que o estudantado atopará no ámbito empresarial, onde as redes de xestión e os sistemas de control da produción industrial están cada vez máis interconectados.

O Desafío CiberFP conta con tres modalidades para facilitar a participación de alumnado con diferentes perfís formativos. A categoría Explorador está dirixida a estudantes de ciclos medios e superiores doutras familias profesionais. A categoría Aventureiro está destinada ao alumnado das familias de Informática e Comunicacións e Electricidade e Electrónica que xa dispón de coñecementos en sistemas, redes, programación ou electrónica. Pola súa banda, Experto reúne estudantes de graos superiores e cursos de especialización destas dúas familias con competencias técnicas avanzadas.

O calendario do Desafío CiberFP continuará en xaneiro de 2027 coa fase clasificatoria, na que os equipos realizarán probas telemáticas dunha hora de duración desde os seus respectivos centros educativos. Os equipos clasificados accederán á gran final, prevista para febreiro nas instalacións do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros. Nesta última fase, o alumnado deberá afrontar a defensa ante un ciberataque contextualizado nunha cidade galega, nun exercicio que permitirá demostrar os coñecementos e destrezas adquiridos ao longo da competición.

Nesta primeira edición inscribíronse 49 equipos na categoría Explorador, 56 en Aventureiro e 17 en Experto. Cada equipo está integrado por tres estudantes e conta coa coordinación dun docente. En total, participan 50 profesores coordinadores e centros educativos das catro provincias: cinco da Coruña, cinco de Lugo, sete de Ourense e dez de Pontevedra.

Na provincia da Coruña, os centros incluídos na listaxe son o Instituto Fernando Wirtz Suárez, situado na Coruña; o Centro Integrado de FP Ánxel Casal – Monte Alto, tamén na Coruña; o Instituto Plurilingüe de Ames, en Ames; o Centro Integrado de FP Ferrolterra, en Ferrol; e o Instituto Maximino Romero de Lema, en Zas.

Na provincia de Pontevedra figuran o Instituto Antón Losada Diéguez, na Estrada; o Instituto de Rodeira, en Cangas; o Centro Integrado de FP A Granxa, en Ponteareas; o Centro Integrado de FP A Xunqueira, en Pontevedra; o Instituto Vilalonga, en Sanxenxo; o Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade, o Instituto Politécnico de Vigo, o Instituto de Teis e o Instituto Ricardo Mella, todos eles en Vigo; e o Instituto Armando Cotarelo Valledor, en Vilagarcía de Arousa.

Na provincia de Lugo aparecen o Centro Integrado de FP Politécnico de Lugo e o Instituto Muralla Romana, ambos en Lugo; o Instituto A Pinguela e o Instituto Daviña Rey, en Monforte de Lemos; e o Instituto Lois Peña Novo, en Vilalba.

Por último, na provincia de Ourense atópanse o Instituto Cosme López Rodríguez, na Rúa; o Instituto San Mamede, en Maceda; o Centro Integrado de FP A Carballeira – Marcos Valcárcel, o Centro Integrado de FP Portovello e o Centro Integrado de FP A Farixa, en Ourense; o Instituto García Barbón, en Verín; e o Centro Integrado de FP Vilamarín, en Vilamarín.

0.30143880844116