8.366 persoas participaron nas oposicióons ao Sergas realizadas esta fin de semana

O Recinto Feiral Internacional de Silleda, acolleu esta tarde as probas de acceso das categorías de técnico en coidados auxiliares de enfermería e de técnico en farmacia, na quenda de discapacidade intelectual, uns exercicios que acadaron unha participación do 87,48 %.
Así, das 9.563 persoas aspirantes ás prazas de técnico en coidados auxiliares de enfermería e de técnico en farmacia (quenda discapacidade intelectual) acudiron á realización do exame 8.366 opositores.
En concreto, eran 9.557 os opositores convocados para á categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería: 9.541 da quenda xeral e 16 da quenda de discapacidade intelectual. Acudiron á realización dos exames 8.344 persoas da quenda xeral (87,4 %) e os 16 aspirantes da quenda de discapacidade intelectual (100 %). Pola súa banda, na categoría de técnico de farmacia (quenda discapacidade intelectual), realizaron o exame os 6 aspirantes que constaban como inscritos (100 %).
Durante esta fin de semana, o Servizo Galego de Saúde desenvolveu os exames para acceder a un total de 1.471 prazas de oito categorías profesionais.
Na xornada de onte sábado, a quenda de mañá acolleu os exames das especialidades de técnico de farmacia, logopedista e condutor. Unhas probas que acadaron unha participación do 78,79 %, ao realizar os exercicios 1.545 opositores, dos 1.961 que estaban inscritos.
Máis polo miúdo, dos 1.273 opositores convocados para a categoría de técnico de farmacia realizaron o exame 1.007 persoas (79,1 %), dos 219 logopedistas asistiron 200 aspirantes (91,3 %) e, na categoría de condutor completaron a proba un total de 338 opositores, dos 469 convocados (72%).
No que atinxe á quenda de tarde do sábado, esta contou coa participación de 2.131 opositores, dos 2.574 que resultaron admitidos.
Nomeadamente, dos 870 aspirantes admitidos na categoría de fisioterapeuta acudiron a realización da probas 719 persoas (82,6 %), 1.190 dos 1.407 inscritos na de técnico superior en imaxe para o diagnóstico (84,6%), 124 dos 156 da categoría de fontaneiro (79,5 %), e 98 dos 141 da de técnico especialista en sistemas e tecnoloxías da información (69,5 %).
O Servizo Galego de Saúde continuará coas probas de acceso ao sistema sanitario público o vindeiro domingo 8 de novembro, no que terán lugar os procesos selectivos para as categorías de médico de admisión e documentación clínica, técnico superior en sistemas e tecnoloxías da información, traballador social, mecánico, grupo auxiliar da función administrativa.
Así mesmo, na fin de semana do 14 e do 15 de novembro, realizaranse os exercicios das categorías de médico xeral de ADOS, farmacéutico de atención primaria, odontólogo de atención primaria, técnico de xestión en sistemas e tecnoloxías da información, calefactor, celador (quenda xeral e discapacidade intelectual), médico asistencial do 061, terapeuta ocupacional, dietista-nutricionista e electricista.
Neste outono, o Servizo Galego de Saúde ofertará un total de 2.223 prazas distribuídas en 23 categorías.