A 54ª Travesía ao Dique reunirá este sábado máis de 200 nadadores e nadadoras na Coruña

A Coruña acollerá este sábado 25 de xullo a 54ª edición da Travesía ao Dique, unha das probas máis destacadas do calendario deportivo da cidade. A cita, que comezará ás 11.00 horas, contará coa participación de máis de 200 nadadores e nadadoras das categorías alevín, infantil, júnior, máster e absoluta.
A competición está organizada polo Club Natación Coruña coa colaboración do Concello e foi presentada este mércores nun acto celebrado nos exteriores de Marina Coruña, nos peiraos do Náutico. No encontro participaron o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez; o presidente do Club Natación Coruña, Raúl Solleiro; o secretario xeral da Federación Galega de Natación, Ramón Mosquera; Marta Martínez, en representación de Blue Leaders; e representantes da entidade organizadora.
A proba conta co apoio da Federación Española de Natación e da Federación Galega de Natación, xa que será puntuable para a X Copa de España de Augas Abertas e para o XXII Circuíto Galego de Augas Abertas.
A Travesía dará comezo ás 11.00 horas desde as instalacións de Marina Coruña e desenvolverase na zona de auga do porto interior. A primeira saída corresponderá ao percorrido de 3.500 metros, destinado ás categorías absoluta e júnior. Ás 11.05 horas será a quenda das persoas participantes máster, cunha distancia de 1.200 metros, e ás 11.10 horas sairán as categorías alevín e infantil, tamén sobre un percorrido de 1.200 metros.
O trazado adaptarase ás diferentes idades e niveis das persoas participantes, cun dispositivo de seguridade coordinado polos Bombeiros e o servizo marítimo da Cruz Vermella.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou que “o mar e o deporte son dous elementos imprescindibles para a identidade coruñesa” e sinalou a aposta do Goberno local por impulsar eventos deportivos como esta travesía, que “nos sitúan nunha posición de referencia nacional e internacional”.
A cita conta tamén coa colaboración de entidades como Blue Leaders, Softee, Deporte Galego e a Xunta de Galicia.