A 6ª edición dos Premios Mil Primaveras celébrase este sábado en Pontevedra con recoñecementos a iniciativas de fomento do galego

A Coordinadora de Traballadores/as pola Normalización da Lingua (CTNL) celebra este sábado 7 de xuño en Pontevedra a sexta edición dos Premios Mil Primaveras, que recoñecen proxectos destacados polo seu labor na promoción do uso social do galego. A gala terá lugar ás 11.30 h no Salón de Actos do Pazo da Cultura, con entrada libre ata completar aforo.
O evento estará conducido pola actriz e narradora oral Atenea García e recoñecerá os proxectos Brazolinda, Galego para peques, Modo galego, actívao! e Vitamina G, escollidos polo xurado por contribuír á normalización da lingua desde distintos ámbitos, idades e enfoques.
O edil de Normalización Lingüística destacou o compromiso da cidade co galego e a resposta positiva da cidadanía. Pola súa banda, Anxos Sobriño, representante da CTNL, lembrou que os premios naceron en 2019 para dar visibilidade a campañas e accións exemplares que fomentan o galego.
Os galardóns consistirán nun diploma e unha peza artística realizada este ano polo obradoiro Coas Mans Artesanía de Silleda. Os proxectos premiados serán difundidos a través das redes da CTNL e da web milprimaveras.gal, como fonte de inspiración para profesorado, equipos de normalización lingüística ou asociacións.
O xurado valorou aspectos como a calidade, o impacto, a creatividade e a capacidade de socialización do galego. O proxecto Brazolinda destaca pola creación de xogos de mesa en galego para distintas idades; Galego para peques, por centrarse na primeira infancia; Modo galego, actívao!, pola súa planificación rigorosa e enfoque interxeracional; e Vitamina G, pola súa capacidade de integración, creatividade e implicación do alumnado.