A Academia Galega de Seguridade Pública fará unha vintena de cursos con 550 prazas dispoñibles

A Agasp é o centro de referencia na formación dos efectivos das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias de Galicia
A CORUÑA policia local
27 Aug 2026

A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) acollerá no último cuadrimestre máis dunha vintena de cursos para efectivos de Policía Local -nalgúns casos con varias edicións- que suman case máis de 220 horas e con 548 prazas dispoñibles, segundo o plan de formación continua aprobado este ano polo Consello Reitor da Academia.

A primeira das actividades está prevista para o 14, o 21 e o 28 de setembro sobre a actualización normativa en dereito penal, cunha segunda edición no mes de outubro. Ao longo destes meses tamén se levarán a cabo distintas edicións de cursos relacionados coa actualización normativa en materia de seguridade viaria, a intervención policial segura con persoas con discapacidade, a intelixencia emocional e autocontrol no traballo policial, o control da presión e xestión integral do estrés policial, a comunicación con persoas hostís non delituosas, a atención e trato a persoas con trastorno do espectro autista ou outras melloras na comunicación.

Ademais dos cursos que contan con varias edicións neste cuadrimestre prevense outros módulos sobre control de establecementos de ocio nocturno do 21 ao 25 de setembro e sobre desescalada verbal na vía pública os días 24, 25 e 28 do mesmo mes. Xa en outubro están programados curso relacionados con habilidades comunicativas para persoal de seguridade pública, inspección de transportes, a administración electrónica, aplicacións dos teléfonos móbiles útiles na actuación policial, xogo, persoas sen fogar e exclusión social, así como armamento, cartuchería, armas legais e prohibidas. Por último, na actividade formativa do mes de novembro os contidos abarcarán asuntos como a educación viaria ou a intelixencia artificial aplicada á investigación.

Ao igual que no conxunto dos cursos incluídos no plan de formación continua da Agasp e destinados a persoal das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias, neste caso tamén se combina a formación presencial, semipresencial e en liña co obxectivo de chegar a máis persoas interesadas na formación e facilitarlles así a participación.

A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e dos servizos de emerxencias con accións formativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario. Ademais destes cursos dirixidos a axentes de Policía Local, se se engade a formación destinada a efectivos da Unidade Policía Adscrita de Galicia (UPA), da Policía Nacional ou da Garda Civil no último cuadrimestre deste ano, serán máis dun cento as actividades formativas do plan de formación continua no eido da seguridade pública para este período. Nesta cifra tamén se inclúe o curso de pilotaxe de drons e radiofonista, que se celebrará desde 1 outubro deste ano e ata o 31 de marzo de 2027 e que vai dirixido á Policía Local.

Xunto cos cursos do plan de formación continua, a Academia tamén se encarga da selección e formación das novas promocións de Policía Local. De feito, xa se publicou a finais do pasado xullo a convocatoria de 133 prazas para a categoría de Policía Local de 40 concellos galegos, das que 105 se cubrirán por oposición libre e as 28 restantes por provisión de mobilidade. A semana pasada publicouse ademais a convocatoria do proceso selectivo para optar a unha decena de prazas na categoría de inspector de Policía Local na modalidade de promoción interna e mobilidade.

0.3818039894104