A Acampada pola Vivenda de Vigo aumenta e afronta as primeiras choivas da tempada

A Acampada pola Vivenda de Vigo leva xa máis de dez días na alameda da Praza de Compostela reclamando solucións á crise da vivenda, co foco posto na baixada do prezo dos alugueiros e a loita contra os desafiuzamentos ou a masificación turística. Nas arredor de 60 tendas instaladas pernoctan diferentes persoas dependendo do día, rondando as 40 nos días de mais afluencia, que resisten a pesar do comezo das choivas. A estas súmanse varias decenas máis que participan das asembleas, as actividades e as tarefas do día a día.
O campamento funciona practicamente como unha sociedade en miniatura, con diferentes comisións que desempeñan diferentes tarefas establecidas pola asemblea. Así, por exemplo, a comisión de alimentación encárgase de dar almorzo, comida e cea a todas as persoas participantes, mentres que a de loxística xestiona a infraestrutura da acampada.
O colectivo conta con diversas normas de convivencia para garantir a súa mellor coexistencia coa contorna, que van dende a limpeza do espazo ata a prohibición de consumir alcol e drogas entre as persoas participantes. Así, diferentes asociacións ecoloxistas como Amigas das Árbores ou Ecoloxistas en Acción emitiron comunicados apoiando esta protesta e afirmando que se desenvolve de xeito respectuoso co patrimonio, o medio ambiente e a vexetación na alameda.
Apoio da veciñanza
Contan tamén cunha comisión de seguridade para facer gardas e protexerse de agresións como as que se produciron nos últimos días, que chegaron ao lanzamento de ovos e ata de petardos. Porén, dende a asemblea da acampada salientan que o apoio supera ás críticas. “Por cada insulto e ataque que recibimos hai moreas de veciñas que nos transmiten o seu agradecemento e agarimo”, sinalan.
Este apoio chega incluso ata o punto de que numerosas persoas se ofrecen cada día a cociñar e levar comida quente de todo tipo para a acampada. Desta iniciativa estanse beneficiando tamén diversas persoas en situación de rúa, que acoden ao espazo recibindo un prato e bebidas quentes para afrontar o día.
Nos últimos días o campamento viviu as súas primeiras noites de choivas intensas, polo que deceas de persoas estiveron traballando para acondicionar os toldos e a infraestrutura da acampada para minimizar os efectos da choiva. Durante o día continuarán os traballos para asegurar as tendas e demais materiais co obxectivo de seguir coa actividade sen prexuizo para as persoas e a contorna.
Outra das comisións da acampada é a de coidados, que se encarga precisamente do benestar das persoas e a prevención e xestión de conflitos, coa intención expresa, manifestan de “evitar erros que afectaron a experiencias previas como puido ser a do 15M”. Tamén hai comisións de obradoiros, asemblea, tesouraría ou comunicación.
Unha ampla programación de actividades
De xeito paralelo e para complementar a protesta pola situación da vivenda, dende a acampada organizan actividades culturais, formativas e de ocio de todo tipo, na súa maioría abertas a toda a cidadanía. Xa na semana acolleu obradoiros de asesoría legal, de protesta pacífica, de capoeira ou taichí, así como un coloquio, un xantar popular ou unha foliada aberta con taller de iniciación ao baile galego.
Esta semana comezou cun obradoiro de debuxo para principantes, mentres que onte tivo lugar un de creación de casiñas de tea a cargo de Brigada Dedal, co obxectivo de decorar o campamento. Hoxe, xoves 22 de outubro, será a quenda dun obradoiro de creación teatral, tamén ás 18.00 horas. O venres 23 ás 19.00 haberá unha palestra do sindicalista Òscar Murciano, de CGT Catalunya, autor do libro Cómo ganar una huelga.
Dende a Acampada pola Vivenda están concentrando esforzos na preparación da folga xeral do día 11 de novembro, mentres desenvolven tamén campañas sobre a situación desta problemática en Vigo. Nas súas accións e en redes sociais poñen o foco na proliferación dos pisos turísticos, nos alugueiros innaccesibles ou nos desaloxos que se producen cada semana na cidade. Anuncian novas accións e actividades encamiñadas cara a este fin que serán públicas nos vindeiros días.