A alcaldesa Goretti Sanmartín agradece a Sandra Garrido e Manu López a dignidade de representar o pobo galego contra o xenocidio en Gaza

A rexedora compostelá recibiu no Pazo de Raxoi aos activistas galegos da flotilla Global Sumud tras a súa liberación, destacando o seu compromiso e chamando a poñer fin á inhumanidade que sofre Palestina.
Sandro Garrido
12 Oct 2025

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e membros da Corporación municipal recibiron este xoves no Pazo de Raxoi a Sandra Garrido e Manu López, integrantes da flotilla Global Sumud, tras seren liberados despois de pasar varios días detidos por parte de Israel.

Sanmartín agradeceu a ambos activistas “a dignidade coa que representan o pobo galego” e fixo un chamamento a “berrar que xa abonda” para poñer fin á actual “situación de total inhumanidade” que sofre o pobo palestino.

“Non podemos seguir vendo polos medios de comunicación como están asasinando crianzas, asasinando palestinos e palestinas un día si e outro tamén. Isto ten que ser un antes e un despois”, declarou a rexedora, quen expresou o seu respecto e admiración pola compostelá Sandra Garrido e o pontevedrés Manu López.
“Sodes un orgullo total e continuaremos apoiando como administración municipal”, engadiu.

Durante o acto, Sandra Garrido puxo en valor “a forza da sociedade civil organizada para parar o xenocidio en Gaza” e instou as administracións públicas a seguir ese exemplo. Agradeceu tamén a implicación do Concello:

“Para nós vir ao Concello de Santiago non é un acto protocolario. É un acto de devolución de todo o apoio que sentimos”, afirmou.

Pola súa parte, Manu López falou dunha “sensación agridoce”, por ver “como as rúas están empezando a exercer os seus dereitos e obrigas como cidadáns e seres humanos”, mentres “continúan asasinando cada día en Palestina”.

“Temos unha oportunidade histórica e debemos ser capaces de utilizala”, concluíu.

Na recepción participaron tamén a portavoz municipal, Míriam Louzao; a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas; o portavoz socialista, Sindo Guinarte; e os concelleiros non adscritos, Mercedes Rosón e Gonzalo Muíños.

⚙ Configurar cookies
0.31217193603516