A alcaldesa Goretti Sanmartín apela a unha xustiza con “ollos abertos, corazón firme e man decidida” guiada polo feminismo

Goretti Sanmartín defende no Congreso das Mulleres Xuízas unha xustiza feminista que tire a venda e actúe con ollos abertos e corazón firme.
Mulleres e democracia
3 Oct 2025

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, apelou este xoves a unha xustiza con “ollos abertos, corazón firme e man decidida” guiada polo feminismo, na inauguración do Congreso anual da Asociación Mulleres Xuízas de España, que acolle o Museo das Peregrinacións durante dous días.

Sanmartín defendeu que a xustiza só pode ser verdadeiramente imparcial se “deixa caer a venda” que durante séculos simbolizou a cegueira ante a desigualdade. “Ao deixar caer a venda, a xustiza abre os ollos e convértese en acción: ver, xulgar mellor, defender mellor e facer xustiza de verdade”, afirmou.

A rexedora destacou o papel das xuízas para avanzar na igualdade e lembrou que detrás do símbolo da venda hai “séculos de mulleres ignoradas: as nosas avoas, as do exilio, do rural, da guerra, ou as asasinadas hoxe en Palestina”. Por iso, subliñou que non se trata de renunciar á imparcialidade, senón de “levala máis alá, con contexto, empatía e responsabilidade histórica”.

Tamén lembrou a tradición feminista de Santiago, citando a Rosalía e ás sufraxistas como referentes dun feminismo “nacido da experiencia colectiva e da palabra”.

Para Goretti Sanmartín, as xuízas teñen hoxe un papel fundamental: “Non para tapar os ollos, senón para mirar de fronte; non para calar, senón para nomear; non para manter a venda, senón para transformala nunha mirada xusta. O feminismo é a única ferramenta para defender a democracia”.

⚙ Configurar cookies
0.22575688362122