A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue pecha a campaña de Nadal agasallando ás persoas doantes cun anaco de roscón de Reis

A iniciativa Dona Sangue. O mellor agasallo culmina esta semana con desprazamentos a unha trintena de concellos galegos para reforzar as reservas sanguíneas nun período clave.
Sangue
5 Jan 2026

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) encara a recta final da campaña de Nadal Dona Sangue. O mellor agasallo cun xesto simbólico de agradecemento ás persoas doantes. Todas aquelas que acudan a doar sangue este luns 5 de xaneiro, véspera do Día de Reis, recibirán un anaco do tradicional roscón como mostra de recoñecemento polo seu compromiso solidario.

Desde a Axencia destacan que, grazas á colaboración da cidadanía, foi posible realizar de media cada día arredor de 800 intervencións cirúrxicas, un transplante de órganos e atender 2.800 urxencias nos centros sanitarios galegos. A elevada participación durante o ano 2025 permitiu manter con normalidade a actividade asistencial hospitalaria e contribuír de maneira decisiva a salvar vidas.

Manter a participación

ADOS lembra que son necesarias máis de 400 doazóns diarias para garantir un abastecemento adecuado de compoñentes sanguíneos nos hospitais de Galicia, unha necesidade que se intensifica durante períodos vacacionais como o Nadal. Ademais, o incremento da gripe e doutras infeccións respiratorias nesta época do ano reduce temporalmente o número de persoas que poden doar, o que repercute directamente nas reservas de sangue.

A campaña Dona Sangue. O mellor agasallo, que finaliza esta semana, achegarase a ata unha trintena de concellos galegos, facilitando a doazón a través das unidades móbiles despregadas por todo o territorio.

Facilidades para doar

Co obxectivo de favorecer a participación nesta recta final da campaña, as unidades móbiles de ADOS realizarán desprazamentos a concellos e barrios das principais cidades galegas durante os días 5, 7, 8, 9 e 10 de xaneiro.

Para máis información sobre horarios e localizacións, a Axencia pon á disposición da cidadanía a súa páxina web, as redes sociais e o teléfono gratuíto 900 100 828.

⚙ Configurar cookies
0.28847098350525