A Boa Vila volverá encher as primeiras noites de agosto de harmonías e musicalidade internacional

A cidade do Lérez volverá vestirse de jazz e blues no que será a XXXI edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, un ciclo transformado en clásico, asociado de xeito inequívoco ás noites do serán da Boa Vila. Nesta ocasión, veciñanza e visitantes poderán gozar da música entre o 4 e o 8 de agosto, unha fermosa antesala para as Festas da Peregrina.
O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, sinalou que esta cita é unha referencia no país, transcendendo tamén as nosas fronteiras e elevándose como un recoñecido festival dentro do Estado. Dous son os elementos que o distinguen doutras propostas similares: a súa calidade, sempre de primeiro nivel e con nomes de importancia superlativa; e a súa accesibilidade, xa que continúa sendo un evento de entrada libre para todos e todas.
O festival, con máis de trinta anos de historia, é coñecido tamén pola súa combinación de talento galego e internacional. Nesta edición, Litet Steg —cuarteto con membros de Ourense, A Coruña e Pontevedra, entre eles o contrabaixista Xacobe Martínez— e Allo Negro —agrupación nada en Pontevedra que mestura blues, jazz e soul dos anos 50 e 60 con letras en galego— representarán a escena local, actuando os días 4 e 6 respectivamente.
No ámbito internacional, o festival contará con John Németh, recoñecido harmonicista de Memphis especializado en blues e soul, que actuará o 4 de agosto. O 7 de agosto será a quenda de Veronica Swift, unha voz nova cunha capacidade expresiva impactante e un estilo que bebe de múltiples influencias. Por último, o día 8, o guitarrista Robben Ford —lenda viva do blues e jazz— pechará o festival nunha noite que promete ser inesquecible.
A programación inclúe tamén os tradicionais pasarrúas da Brass Atlantic Street Band, que desde o primeiro día percorrerán o centro da cidade creando un ambiente festivo inspirado en Nova Orleáns.