A campaña “Cando volves?” da Deputación de Pontevedra gaña a prata no International Tourism Film Festival Africa

O audiovisual turístico da provincia foi recoñecido entre 450 propostas de 60 países e suma este galardón ao ouro obtido recentemente en Xapón.
itffa
14 Jun 2025

A Deputación de Pontevedra vén de acadar a prata na categoría de rexións turísticas no International Tourism Film Festival Africa 2025 pola campaña audiovisual “Cando volves?”. Este recoñecemento internacional chega tras competir con case 450 vídeos promocionais de destinos de 60 países, e súmase ao ouro conseguido no Japan World’s Tourism Film Festival.

A institución provincial fora seleccionada como finalista o pasado mes de marzo, e esta semana anunciouse que a peza galega foi distinguida entre os sete traballos que optaban ao premio na súa categoría. O certame africano recoñece producións audiovisuais que poñen en valor o patrimonio cultural, natural e turístico de distintos territorios a nivel mundial, promovendo a creatividade e o impacto positivo do cinema na promoción turística.

A campaña “Cando volves?” destaca polos seus escenarios no interior da provincia de Pontevedra, así como polo protagonismo da hospitalidade e o carácter acolledor da súa xente. Con esta proposta, a Deputación pretendeu poñer o foco en territorios menos coñecidos da provincia, apostando por desestacionalizar o turismo e convidar á cidadanía a visitar Pontevedra durante todo o ano.

⚙ Configurar cookies
0.18884706497192