A campaña do 8M do Concello de Santiago aposta por “tecer redes” e “escribir o futuro” arredor de Begoña Caamaño

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, presentou este martes a campaña posta en marcha polo Concello con motivo do Día Internacional das Mulleres, que este ano leva por lema “Tecer redes, escribir o futuro”.
A iniciativa, inspirada na figura da xornalista e escritora Begoña Caamaño, pretende converter o 8M nun proceso participativo arredor da memoria feminista, a creación colectiva e a construción dun futuro compartido.
Sanmartín compareceu acompañada pola directora de área de Igualdade, Clara Ortega, e destacou a importancia da sororidade presente na mensaxe de Caamaño. Segundo explicou, a campaña pretende reforzar a capacidade de “tecer redes” para facer fronte ás regresións nos dereitos das mulleres e evitar retrocesos nas conquistas feministas.
A rexedora subliñou tamén o legado de Begoña Caamaño como referente do feminismo galego, lembrando a súa traxectoria como xornalista e activista e a presenza do feminismo nos seus textos, atravesados tamén por causas como o pacifismo, a xustiza social ou a defensa das nenas en diferentes partes do mundo.
No marco desta programación, o Concello celebrará este venres ás 11.30 horas no Pazo de Raxoi a lectura da declaración institucional aprobada polo Pleno municipal con motivo do 8M. No mesmo acto daranse a coñecer as persoas gañadoras do Premio Xohana Torres.
A alcaldesa convidou tamén á cidadanía a asistir á gala de entrega dos premios ‘Mulleres de Compostela’, que terá lugar o luns 9 de marzo ás 19.00 horas no Teatro Principal de Santiago, na que se recoñecerá a traxectoria de diversas mulleres vinculadas á cidade.
Ademais, Sanmartín animou a participar nas mobilizacións previstas para o 8 de marzo e nas actividades organizadas pola Casa Xohana Torres, centradas no empoderamento feminino.
Programa de actividades
A campaña inclúe tres actividades principais. A primeira é o obradoiro creativo “Reescribir o futuro: mitos e outras voces”, no que as persoas participantes revisitarán relatos tradicionais desde unha perspectiva feminista inspirándose na obra de Begoña Caamaño.
A segunda proposta, “Encontros que pintan o futuro”, combinará un encontro de diálogo feminista coa creación dun mural colectivo. A actividade contará coa dinamización de María Rúa e cun deseño artístico da ilustradora Irene Sanjuán.
Por último, a iniciativa “Fiando sororidade” convidará á cidadanía a participar na creación dunha rede simbólica colectiva a partir de mensaxes escritas en anacos de tea. A instalación resultante será exposta no parque dedicado a Begoña Caamaño.
A campaña difundirase na cidade a través de soportes publicitarios urbanos como muppies e autobuses municipais, reforzando a visibilidade da iniciativa nos principais espazos públicos.