A Casa das Insuas organiza un roteiro nocturno
A Asociación Galega de Custodia do Territorio organiza para o venres 6 de maio outra edición de Os sons das Insuas. Trátase dunha ruta polas insuas ao solpor para escoitar, coñecer e identificar os cantos das aves do bosque de ribeira do río Miño, na zona núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño.
Os participantes estarán guiados polo ornitólogo Óscar Rivas e o biólogo experto en morcegos Roberto Hermida, membros da Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT).
Aproveitarase á volta, xa ao anoitecer, para utilizar diferentes aparellos que permitirán facer audibles os ultrasóns dos morcegos que habitan as insuas, para descubrir así este mundo acústico inaudible tan importante.
Esta actividade realízase gracias o acordo que ten formalizado a Deputación de Lugo (propietaria dos terreos) coa Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT).
É unha actividade gratuíta, pero con prazas limitadas, polo que é preciso inscribirse no teléfono 686 70 16 44.
O punto de partida será a Casa das Insuas (Rábade) o venres 6 de Maio ás 19.00 horas. É necesario levar roupa e calzado de monte.