A Cátedra de Educación Médica USC-SEMERGEN celebra dez anos de colaboración para mellorar a formación médica

A Cátedra de Educación Médica USC-SEMERGEN celebrou este martes o seu décimo aniversario cun acto na Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no que se puxo en valor unha década de colaboración entre a Universidade e a Medicina de Familia para mellorar a formación dos futuros profesionais da saúde.
A iniciativa naceu en 2016 co obxectivo de crear un espazo estable de colaboración no que compartir coñecementos, experiencia e recursos. Ao longo destes dez anos, a Cátedra colaborou coa Facultade de Medicina e Odontoloxía na ACOE, tanto no deseño e organización das estacións relacionadas coa Medicina de Familia como na adquisición de material de simulación.
Un dos principais ámbitos de traballo foi precisamente a formación mediante simulación médica, desde os niveis básicos ata os máis avanzados. Estas actividades, gratuítas para o estudantado e apoiadas pola Cátedra, permitiron tamén incorporar equipamento cada vez máis sofisticado.
A reitora da USC, Rosa Crujeiras, destacou neste sentido a incorporación dun simulador de alta fidelidade, que actualmente constitúe o equipamento de simulación máis avanzado do que dispón o estudantado da Universidade. Segundo explicou, “a medicina está cambiando a forma de diagnosticar, de tratar, de relacionarnos cos pacientes e tamén de formar os profesionais, e a educación médica ten que cambiar con ela”.
Crujeiras salientou tamén o papel das cátedras como instrumentos para establecer colaboracións estables entre as universidades, outras institucións, o tecido profesional, as empresas e a sociedade. Ao seu xuízo, estas estruturas alcanzan o seu máximo potencial cando esa colaboración se traduce en proxectos, formación, investigación, recursos e oportunidades para o estudantado e os profesionais.
No acto participaron, ademais, o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño; o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, José Martín Carreira; a vicepresidenta de Semergen Galicia, Paula Antelo Pais; e os codirectores da Cátedra Víctor Arce e Daniel Rey Aldana.
As persoas participantes coincidiron en destacar que a Cátedra contribuíu a integrar no ámbito universitario técnicas emerxentes como a simulación médica, así como as capacidades profesionais asociadas a estas ferramentas e as novas posibilidades abertas para a docencia.
Recoñecemento á traxectoria de Juan Gestal
A celebración serviu tamén para recoñecer a traxectoria do doutor e profesor Juan Jesús Gestal Otero, ao que lle foi concedido o Premio Cátedra de Educación Médica USC-SEMERGEN. Gestal foi decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía no momento no que se puxo en marcha esta iniciativa.
O acto incluíu unha conferencia do catedrático José Ramón González Juanatey e a entrega do galardón a Gestal, ao que a reitora definiu como unha das persoas vinculadas á Cátedra desde os seus inicios.
Crujeiras destacou que o premio supón tamén un recoñecemento á súa maneira de entender a Universidade, como unha institución “aberta á colaboración” e consciente da responsabilidade que ten na formación dos profesionais que precisa a sociedade. O galardón recoñece así toda unha vida dedicada á docencia e ao exercicio da medicina.