A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións recibe o Premio Pentafinium 2026

O galardón recoñece o estudo, investigación e difusión do fenómeno xacobeo, así como a contribución ao seu coñecemento científico
peregrinos-3
14 Sep 2026

O Premio Pentafinium 2026 acaba de recoñecer o labor de promoción do estudo científico da historia, o patrimonio e o impacto cultural e social da Ruta Xacobea que desenvolve a Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, cuxo nacemento é froito da colaboración da USC con Turismo de Galicia da Xunta de Galicia.

Particularmente o premio outórgase polo traballo desenvolvido na organización do seminario estival das Leccións Xacobeas Internacionais da USC, que o ano que vén cumprirá vinte anos. Neste senso, o galardón recoñece o traballo desenvolvido polas persoas que teñen exercido a súa dirección, os profesores Domingo Luís González Lopo e Miguel Taín Guzmán.

A Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago (FEAACS), entidade que outorga o galardón, ten entre os seus fins e obxectivos a promoción e recoñecemento daquelas obras que, no ámbito da Cultura e no marco da iniciativa privada e institucional, contribúan ao coidado, promoción e desenvolvemento da peregrinación xacobea, de acordo cos principios e fundamentos sobre os que se sostén a FEAACS. O recoñecemento acadouse na modalidade ‘Un programa de actuación’.

0.35913515090942